O Coworking de Carballo sae á rúa este verán na procura de emprendementos

venres, 21 de agosto do 2020 S. P.

O Coworking Carballo, iniciativa de traballado colectivo centrado (preferentemente) nas novas tecnoloxías da información e en diversas fórmulas anovadoras, xa está preparado para iniciar a súa andaina definitiva e acoller emprendedoras/es e empresas nas súas instalacións do Fórum. Así o fixo saber os días pasados o Concello, co-impulsor da iniciativa xunto coa Deputación da Coruña (ao abeiro da súa Rede Provincial de Espazos de Traballo), que este verán está sacando o Coworking á rúa para mostrar os servizos que presta, o tipo de usos previstos nas instalacións do Fórum e o perfil de usuario ao que vai dirixido.
O Coworking Carballo é un espazo de traballo compartido que facilitará a 18 novos emprendedores ou empresas de menos de dous anos de antigüidade a posibilidade de dispoñer non só dun local, senón tamén dunha serie de servizos e infraestruturas que contribuirán a mellorar as súas posibilidades de éxito.
A sede deste novo servizo, impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica e incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación Provincial da Coruña, está aberta no segundo andar da nave 1 do Fórum Carballo.
As actividades de negocio que darán sustento e alicerce ao centro de traballo estarán orientadas ou vencelladas, de maneira preferente, ao sector tecnolóxico ou da innovación.

PUBLICIDADE