O DOG publica unha convocatoria de axudas para incentivar a innovación

mércores, 27 de xullo do 2011 Redacción

A Consellería de Economía e Industria continúa co desenvolvemento dos eixos estratéxicos do Plan Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) 2011-2015, entre os que cómpre destacar o impulso da innovación nas empresas galegas, coa convocatoria de axudas para incentivar os investimentos innovadores, que ascenden a un total de 10,7 millóns de euros e serán obxecto do pagamento de anticipos de ata o 80% libres de garantía.
As subvencións, convocadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), están destinadas a incrementar a competitividade das empresas galegas e dos servizos que prestan, mediante o estímulo da innovación en calquera punto da cadea de valor e en todos os procesos da empresa. As axudas cubrirán o desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial, individuais ou cooperativos, de carácter non só tecnolóxico sobre procesos ou produtos, senón tamén para a implantación de técnicas de xestión da produción, técnicas de márketing ou técnicas loxísticas dende unha perspectiva de innovación aberta, é dicir, destinada a combinar o coñecemento interno co externo.
Estas liñas de axuda da Consellería de Economía e Industria estarán abertas á recepción de solicitudes durante un mes e, por primeira vez, a presentación de propostas poderá formalizarse exclusivamente por vía telemática, de cara a facilitar e axilizar a súa xestión.
Nesta iniciativa, o Programa de Apoio ao Crecemento Empresarial mediante o fomento da investigación e a innovación empresarial (ACE), contempla subvencións a empresas para proxectos individuais e colaborativos de innovación tecnolóxica en materia de proceso ou produto, loxística e xestión e para a preparación de propostas de proxectos a presentar en convocatorias de I+D+i estatais e internacionais. Ademais, o programa contempla tamén axudas destinadas aos centros tecnolóxicos e clústers empresariais, para o desenvolvemento das plataformas tecnolóxicas existentes en Galicia.
Para ser obxecto de subvención, a innovación proposta debe representar unha novidade ou mellora substancial con respecto ao xa existente no seu ámbito. Nos proxectos presentados por PEME as axudas poderán acadar o 35% do custo subvencionable para pequenas empresas e o 25% para empresas medianas. Nos presentados por grandes empresas poderán acadar o 15% do custo subvencionable.
Nesta convocatoria, está prevista tamén a concesión de axudas ás empresas para a preparación de novos proxectos a presentar a convocatorias de axudas estatais e internacionais no marco das medidas do Plan I2C concibidas para impulsar a innovación aberta e o crecemento económico. As subvencións cubrirán a presentación de propostas de proxectos de I+D a programas nacionais, tanto individuais como en cooperación, así como de solicitudes a programas internacionais en cooperación, que deberán ser en todos os casos desenvolvidos principalmente no ámbito territorial de Galicia. Para as pemes estas axudas poderán acadar o 70% do custo subvencionable e para as grandes empresas o 60%.
Pola súa banda, as subvencións destinadas ao funcionamento das plataformas tecnolóxicas existentes en Galicia enmárcanse no eixo estratéxico referente ao sistema integral de apoio á investigación do Plan I2C. O obxectivo final destas axudas é promover o desenvolvemento de proxectos de cooperación no marco da axenda estratéxica de investigación definida por cada plataforma e que supoñan a participación en programas estatais e internacionais de I+D+I por parte das empresas e doutras entidades adheridas a ela. A concesión das axudas estará suxeita a unha serie de indicadores de valoración das propostas baseados na implicación dos solicitantes en dinámicas de innovación aberta; nos proxectos colaborativos promovidos; na labor de transferencia de resultados de investigación á empresa; na internacionalización; na representatividade no seu sector; e na participación equilibrada de mulleres.

PUBLICIDADE