O Defensor do Menor presenta un spot dirixido a fomentar o uso do sentido común entre os adolescentes en liña

martes, 9 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Seguimos a voltas con iniciativas encamiñadas a situar na Rede figuras de asesoramento para nenos e adolescentes semellantes as outras que existen xa na vida real dende tempos inmemoriais: as figuras do titores ou mentores. A diferenza, no caso da Internet, radicaría no seguinte: os titores, máis que presenzas, serían consellos a ter en conta e recursos de guía accesibles as 24 horas. Favorecer este clima con iniciativas concretas é o gran obxectivo do Defensor do Menor, que, en colaboración coa Obra Social Caja Madrid, a Fundación Telefónica e Telemadrid, vén de lanzar un spot televisivo dirixido a fomentar a responsabilidade da rapazada á hora de pendurar imaxes na Rede. A peza audiovisual, que reproduce a dita canle autonómica de xeito gratuíto ao longo do vindeiro mes e en todos os treitos horarios, será en breve cedido a outras canles do eido estatal, autonómico e local que desexen emitila.
O spot ten un lema que fala sen axuda: Antes de pendurar a túa imaxe na web, pénsao. A idea dos responsables da iniciativa é concienciar aos adolescentes sobre unha cuestión na que se cadra non reparen todo o que deberían: poñer algo na Rede é igual que poñelo nun taboleiro de anuncios por onde pasasen multitudes, coa diferenza de que o que se pon no taboleiro remata case sempre por ir ao lixo, e o que se pon na Internet tende a perdurar anos e anos.
A protagonista do anunciou é unha rapaza que vai comprobando cómo persoas para ela descoñecidas non só son quen de identificala, senón que chegan a incomodala con certas actitudes, do que se deduce que malinterpretaron información vertida na Rede por ela ou por outros internautas en base aos datos deixados por ela. A peza, sinalan os seus responsables, está inspirada noutra semellante producida previamente en Estados Unidos, sendo a estreada en Telemadrid o que se podería chamar unha versión española con algún que outro cambio: introdúcese o emprego da telefonía móbil e a conexión que establecen os rapaces e rapazas entre estas tecnoloxías.

PUBLICIDADE