O Edificio Fontán reforza a vertente investigadora e tecnolóxica da Cidade da Cultura

xoves, 7 de outubro do 2021 S. P.

O Edificio Fontán, nova e sobranceira construción da Cidade da Cultura, recibiu este 6 de outubro a visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen dixo que co remate das obras do inmóbel “complétase o complexo do Gaiás cun futuro marcado pola cultura, o patrimonio, a ciencia e a tecnoloxía”.
Nesta liña, recordou que, tras un investimento de case 17 millóns de euros, este edificio acollerá a 200 traballadores de distintos organismos: o Consorcio Interuniversitario de Galicia, que impulsará a cooperación organizativa, técnica e económica das tres universidades; e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario, que “velará pola actualización da oferta académica e a adaptación ás demandas laborais de cada momento”.
Ademais, sinalou, dará acubillo ao Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, que contará con 50 investigadores de 11 países para desenvolver proxectos internacionais; e ao Centro de Investigación do Patrimonio Cultural, o primeiro de toda España sobre esta materia e que contará cun Observatorio sobre o Camiño de Santiago.
“Estamos a falar dun edificio sustentado en tres piares: no impulso á calidade, fortaleza e competitividade do sistema universitario; na cualificación dos docentes nas tecnoloxías dixitais; e na investigación do patrimonio e, especialmente, do ligado ao Camiño”, engadiu, sinalando que o Edificio Fontán estará plenamente operativo co comezo do novo ano.
A Cidade da Cultura chegará aos 900 empregados coa posta en marcha do novo inmóbel.

PUBLICIDADE