O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo entrega os seus 150 primeiros diplomas

mércores, 12 de xullo do 2017 Redacción

A concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, entregou este martes os diplomas acreditativos ás preto de 150 persoas asistentes ás accións formativas organizadas pola entidade local no Edificio de Novas Tecnoloxías no marco do Tecnoloxíza-T (un total de dez obradoiros abertos para todas as idades). Trátase da primeira quenda de actividades deste centro, de recente apertura (abriuse en marzo deste ano coa arela de situar a Lugo na vangarda dixital e de dinamizar o casco histórico asentándoo como referente de cara ás cuestións tecnolóxicas locais). A quenda de estrea incluíu cursos de trámites electrónicos coa administración, iniciación á informática, utilización de smartphones, Internet segura para todos e todas, posicionamento web e SEO, redes sociais, retoque fotográfico co smartphone, compra on line, venda on line ou creación de aplicacións móbiles. Desenvolvéronse no Edificio dende o pasado 29 de maio ao 30 de xuño.
Durante a entrega de diplomas, Rielo felicitou a todas as persoas participantes e incidiu na importancia de formarse de continuo, así como de facelo especializándose en sectores en auxe, como pode ser o tecnolóxico.
Tras o éxito acadado nesta edición, dende a Concellaría de Concello e Cidadanía, dirixida por Rosana Rielo, xa se están a preparar novos contidos para vindeiras convocatorias. Nesta liña a edil tivo palabras para convidar ás persoas asistentes a estes cursos “a aproveitar todas as oportunidades de formación” e aninmounos a estar pendentes dos novos obradoiros.
Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo
Como dixemos, o Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo foi inaugurado a finais de marzo deste ano polo Concello. Foi presentado como un centro TIC ao servizo da cidadanía para, en palabras do Concello, situar a cidade na vangarda dixital. Amais de fornecer gratuíta e libremente tecnoloxías e servizos (computadores, accesos, programas, etc) para que a veciñanza saque o máximo proveito da Sociedade do Coñecemento, un dos obxectivos que alentaron a posta en marcha do Edificio foi a vontade do Concello de dinamizar o casco histórico e asentalo como referente de cara ás cuestións tecnolóxicas locais. Máis en detalle, con esta nova infraestrutura pública no corazón da zona vella (trátase dun inmóbel anexo ao consistorio, recentemente remodelado), o Goberno local “ten vontade de achegar un punto neurálxico dos recursos tecnolóxicos da cidade, dirixido a todos os públicos e de todas as idades”.
O inmóbel foi inaugurado o 24 de marzo pola alcaldesa Lara Méndez, e a concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, nun acto no que tamén estiveron presentes membros da Corporación Municipal e o presidente da Deputación, Darío Campos, entre outros representantes das administracións e das entidades locais.

PUBLICIDADE