O Festival de Eurovisión contará con aplicación oficial para Windows Phone

mércores, 8 de abril do 2015 Marcus Fernández

O Festival de Eurovisión é unha curiosa cita musical anual que este ano celebrarase en Viena e destaca pola incorporación á relación de países participantes de Australia e por unha candidatura española tampouco ausente de polémica, xa que a elección de Edurne e o tema Amanecer realizouse de xeito interno por RTVE cun resultado que decepcionou ao público tanto polo seu vídeo musical como na súa primeira interpretación en directo en Alaska y Segura. Pero a nivel tecnolóxico o certame tamén ten interese, de aí que anunciasen que Microsoft será o socio tecnolóxico de Eurovisión, o que permitirá que o festival conte con grandes recursos entre os que destacará especialmente unha aplicación móbil oficial que por primeira vez estará dispoñible para Windows Phone.
Grazas a esta colaboración entre Eurovisión e Microsoft non só haberá unha aplicación móbil que facilitará información a todo o mundo, senón que a compañía de Redmond tamén achegará solucións técnicas para o funcionamento do concurso, incluíndo os smartphones que empregarán todos os voluntarios do evento.
Aínda que a presenza de terminais Lumia poida resultar visible, as aportacións de Microsoft serán máis complicadas de apreciar a simple vista, xa que irán máis na liña de servizos na nube, de xeito que o backend sobre o que funcionarán os servizos móbiles, o intercambio de datos e as comunicacións estarán baseados nos servizos na nube Azure de Microsoft.

PUBLICIDADE