O Fórum de Carballo achega un curso sobre administración de servizos de Internet

martes, 9 de agosto do 2016 Redacción

O Fórum de Carballo acollerá este ano un total de catro accións formativas para desempregados (AFD). Dous deles teñen relación directa coas novas tecnoloxías da información e máis coas telecomunicacións. Trátase do Curso de administración de servizos de Internet (que arrincou a primeiros de agosto) e do Curso de operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios. Ademais, o Concello organiza dúas actividades formativas relacionadas cos equipamentos de electricidade (Curso de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión) e máis coa soldadura (Curso de soldadura con electrodo revestido e TIG). Cada un destes cursos dará cobertura formativa a 15 persoas (60 en total).
Todas estas accións están financiadas pola Consellería de Traballo e Benestar e inclúen certificados de profesionalidade. A maioría deles xa están en marcha, aínda que até o 1 de setembro non comeza o Curso de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión, de 840 horas e certificado de profesionalidade de nivel 2.
No que atinxe á actividade formativa sobre telecomunicacións en edificios, sinalar que abrangue 300 horas de ensino dirixidas a capacitar aos alumnados para desenvolver tarefas de axudantes de instaladores, operarios de instalacións eléctricas de baixa tensión ou peóns da industria da produción e a distribución de enerxía.
Unha das novidades que presenta o Concello para este ano é o Curso de administración de servizos de Internet, que arrincou a primeiros de agosto e que leva aparellado un certificado de profesionalidade de nivel 3. Trátase dunha acción formativa de 510 horas que permitirá aos alumnos/as traballar como administradores de servizos de internet e/ou de mensaxería electrónica, administradores de contornas web ou técnicos de sistemas de Internet.
As persoas que precisen información complementaria poden dirixirse ao Fórum Carballo (Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n, 15100, Carballo), ou no teléfono 981 709 011 en horario de oficina.

PUBLICIDADE