O GRUVI anuncia que doará cen novos computadores con software libre a entidades sen arela de lucro

mércores, 15 de xaneiro do 2014 Redacción

Voluntarios de GRUVI poñendo a punto computadores de segunda man

O Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo, GRUVI, segue adiante co seu incansábel labor de impulso á reutilización, ao consumo responsábel de material informático e á tecnoloxía universal e solidaria. Lembrar que deste labor xa dimos conta dende Código Cero en 2008 e que recentemente, o ano que vimos de deixar atrás, adquiriu aínda máis repercusión e amplitude de miras. Pois ben, semella que vai haber actividade dende o GRUVI para rato, tal e como confirma Mancomún reflectindo unha nova iniciativa do Grupo, en colaboración con GALPon: a entrega de cen equipos, reparados e listos para usar, a distintas organizacións sen ánimo de lucro de Vigo, Ourense e Pontevedra.
Segundo se nos conta, os voluntarios de ámbolos colectivos encargáronse de reciclar e actualizar con software libre os equipos informáticos en desuso e obsoletos para o traballo diario da propia universidade. Logo da recollida dos ordenadores procederon a facer “unha completa limpeza dos mesmos”, amañando os que non funcionaban, xuntando pezas e dando como resultado equipos perfectamente funcionais e axeitados para determinadas tarefas propias das asociacións sen arela de lucro, que é cara a onde se dirixen agora. Os ordenadores inclúen unha distribución GNU/Linux especialmente deseñada para este tipo de equipos, GALPon MiniNo, concibida para sacarlles o máximo rendemento. Sinalar que os membros da asociación GALPon encárganse da formación dos alumnos voluntarios que participan no GRUVI, ademais de desenvolver e manter a distribución libre GNU/Linux MiniNo.
Lembrar que o Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo naceu no curso 2005-2006 da preocupación dun colectivo de usuarios de novos trebellos e programas libres polo proceso continuo de xeración de refugallos que implica o desenvolvemento da Sociedade do Coñecemento na que vivimos. O punto de partida foi ver a morea de equipos obsoletos que xeraba a Universidade de Vigo e que xa non achegaban as prestacións requiridas para a docencia e a investigación. Con todo, descubriuse que era posíbel unha segunda e unha terceira vida para estes equipos, só eran precisas cousas como trocar uns sistemas por outros, apostar polo software libre e encamiñar os aparellos xerados cara a novas funcionalidades. Dende os comezos, engádese dende Mancomún, os membros do GRUVI contaron coa estreita colaboración de GALPon, que se encarga de formar aos alumnos voluntarios que participan no grupo, así como de elaborar a distribución libre GNU/Linux MiniNo que os voluntarios se encargan de instalar nos equipos previamente reparados. Arestora hai un total de 6 voluntarios inscritos, tres alumnos do mundo das enxeñarías, un de Belas Artes e dous máis doutras áreas que nada teñen que ver coa informática.

PUBLICIDADE