O Gaiás acolle este 17 un espectáculo multimedia para conmemorar a Manuel María

luns, 16 de maio do 2016 Redacción

O Monte Gaiás (Cidade da Cultura de Galicia, Santiago) será un dos eixes de actividade fundamentais da celebración do Día das Letras Galegas, este martes 17 de maio. De feito, da man da Consellería de Cultura e Educación, celebrarase alí unha homenaxe cidadá ao poeta chairego Manuel María a través dun espectáculo multimedia que inclúe lectura de poemas, música en directo, vídeo-creacións, actividade nas redes sociais e un obradoiro de rap.
O recital colectivo comezará a partir das das 12:30 horas, na Sala Eisenman, coa actividade Verso busca voz, un acto no que todo aquel que o desexe recitará os poemas preferidos de Manuel María. “Ao mesmo tempo”, sinala a organización, “poderase gozar en directo coas improvisacións sonoras de Koroiev, alter ego do músico Roberto Casteleiro, e as videocreacións de DSK”.
Para participar neste recital colectivo, a Cidade da Cultura convida a todo aquel que o desexe a inscribirse en cidadedacultura.gal e indicar o poema ou poemas que lle gustaría recitar. As persoas que desexen asistir como público poderán achegarse á Sala Eisenman e gozar do espectáculo totalmente de balde.
Previamente, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá un Obradoiro de poesía e rap a cargo de Für alle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) para rapaces a partir de 8 anos. Partindo dos versos de Manuel María, os participantes “deixarán voar a súa imaxinación”, en palabras da organización, que salienta o potencial deste obradoiro para “dar lugar a novas composicións” que serán interpretadas logo no recital colectivo que terá lugar na Sala Eisenman. O obradoiro comezará ás 10:00 horas e a participación tamén é de balde, mais precisa inscrición en cidadedacultura.gal.
A mañá concluirá cun aperitivo literario no que os participantes en ambas as dúas actividades, así como o público asistente, poderán degustar zumes feitos a base de froitos do Courel da firma Caurelor, vermú de Petroni e olivas de Eidos de Iria.
A programación das Letras Galegas complétase co conto teatralizado Carteiro en bicicleta de Caxoto Contacontos. A actividade terá lugar o 22 de maio ás 18 horas no auditorio Xosé Neira Vilas e a entrada é libre ata completar aforo. O 29 de maio terá lugar na Biblioteca de Galicia o obradoiro A casa de Manuel María, no que nenos de 5 a 12 anos poderán ilustrar os poemas e textos do escritor homenaxeado, ademais de construír un libro despregábel coas súas ilustracións. O obradoiro terá lugar ás 12 horas e a entrada é de balde previa inscrición en cidadedacultura.gal.

PUBLICIDADE