O Goberno achega axudas por 3,6 millóns de euros para a transformación dixital das cidades galegas

luns, 8 de novembro do 2021 S. P.

José Miñones nunha imaxe da axencia EFE

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou que as cidades galegas poderán recibir 3,6 millóns de euros de subvencións que concede o Goberno español para a transformación dixital e modernización das entidades locais no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. José Miñones animou aos concellos de Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol a optar a estas axudas do Goberno que poderán ser solicitadas até o 15 de decembro.
O delegado do Goberno explicou que “estes fondos supoñen unha boa oportunidade para que as cidades galegas melloren e modernicen a súa organización coa incorporación de Tecnoloxías da Información (TI), dixitalización dos procedementos administrativos e adaptación da súa xestión a medios dixitais.
Os Ministerios de Política Territorial e de Asuntos Económicos e Transformación Dixital serán os encargados de xestionar esta liña de axudas, que se destinan a municipios con máis de 50.000 habitantes, ou con poboación inferior se son capital de provincia e que poden solicitarse até o 15 de decembro.
Contía máxima das axudas
Vigo
296.692 habitantes
1.084.686,76 euros
A Coruña
247.604 habitantes
921.112,64
Ourense
105.643 habitantes
393.002,95 euros
Lugo
98.519 habitantes
366.500,93
Santiago de Compostela
97.848 habitantes
364.004,74
Pontevedra
83.260 habitantes
309.735,86
Ferrol
65.560 habitantes
243.890,02
O importe total máximo das subvencións para toda España ascende a 92,77 millóns de euros e a asignación entre as distintas entidades beneficiarias efectuarase do seguinte xeito: o 45 % do importe total, 41.746.500 euros, distribuirase entre os municipios con poboación superior a 250.000 habitantes. O 55 % restante, 51.023.500 euros, distribuirase entre os municipios con poboación entre 50.001 e 250.000 habitantes ou con poboación inferior se son capital de provincia.
A contía máxima da axuda que corresponde a estes municipios determinouse en función do número de habitantes.
Entre as prioridades das subvencións para a modernización e dixitalización das entidades locais figuran os seguintes:
- Maior accesibilidade de cidadáns e empresas a servizos públicos dixitais
- Redución da fenda dixital
- Mellora da eficiencia e eficacia dos empregados públicos
- Reutilización dos servizos e solucións dixitais construídas
- Utilización activa das tecnoloxías emerxentes no despregamento de novos servizos dixitais (chatbots, automatización e robotización, plataformas)

PUBLICIDADE