O Goberno achega máis de 30 millóns de euros para estender a banda larga ultrarrápida en 278 concellos

martes, 2 de novembro do 2021 S. P.

José Miñones nunha imaxe da axencia EFE

O Goberno central vai destinar até 30 millóns de euros para facer realidade a extensión da cobertura de banda larga ultrarrápida en 278 concellos galegos. Ou sexa, para o 89% da rede de municipios da nosa terra. Este esforzo tecnolóxico destinado a rematar coa fenda dixital que separa (en materia de oportunidades e equipamentos TIC) aos territorios galegos máis urbanos dos de natureza máis rural materializarase a través do Programa Único. O obxectivo é beneficiar a 89.548 unidades familiares.
Estes e outros datos foron achegados polo delegado do Goberno, José Miñones, que fixo saber que os proxectos están dotados cun orzamento total de 30.183.840 euros para estender a cobertura de banda ancha ultrarrápida en 278 concellos de Galicia. Explicouno tras a proposta de resolución provincial da convocatoria do ano 2021 do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión Único-Banda Larga.
José Miñones enmarcou esta iniciativa no “compromiso do Goberno coa conectividade e a dixitalización, ademais do reto demográfico, tres alicerces das políticas progresistas e fundamentais para o futuro de Galicia”, todo enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.
Segundo concreto, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital impulsa este programa polo que se beneficiarán 89.548 fogares e empresas en Galicia ata o de agora sen cobertura dunha velocidade de acceso superior a 100 Mbps. Este programa será xestionado pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.
A convocatoria outorga axudas para a extensión de redes de comunicacións electrónicas de banda larga ultrarrápidas en zonas de 278 concellos galegos, o 89% do total, a maioría situadas en “zonas brancas” que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación no próximos tres anos. O resto están situadas en “zonas grises” que só dispoñen de cobertura de banda larga de nova xeración a menos de 100 Mbps por parte dun só operador ou de previsións para a súa dotación no prazo de tres anos.
A proposta de resolución supón a concesión de achegas directas por 19.310.204 euros en Galicia. Coas axudas que chegarán aos operadores beneficiarios, o investimento total nos proxectos adxudicatarios ascenderá a 30.183.840 euros na comunidade.
Segundo explicou Miñones, “tras a execución dos proxectos seleccionados en Único-Banda Larga e os proxectos en curso das convocatorias PEBANG, a cobertura de redes con velocidade superior a 100 Mbps alcanzará o 95% da poboación en 2023.

PUBLICIDADE