O Goberno galego achegará unha app para axilizar as autorizacións de acceso ás Catedrais

venres, 8 de setembro do 2017 Redacción

O Goberno galego quere optimizar a xestión da afluencia de turistas á praia das Catedrais. E quere facelo botando man das novas tecnoloxías da información e, máis polo miúdo, dos teléfonos móbiles. Por esta razón, hoxe mesmo anunciou a vindeira posta en marcha dunha aplicación que axilice as autorizacións de acceso ao devandito Monumento Natural do concello de Ribadeo. Os detalles foron dados pola directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, durante a súa visita a esta paraxe da Mariña, xunto co delegado provincial en Lugo, José Manuel Balseiro.
A representante da Consellería de Medio Ambiente avanzou que a aplicación móbil estará dispoñíbel a partir da próxima Semana Santa e “permitirá aos usuarios solicitar, desde o seu propio terminal, o permiso correspondente para visitar o areal e descargar o código QR identificativo, que deberá presentar nos controis de acceso”. Desta maneira, dixo a directora xeral, “poñemos ao alcance do cidadán un recurso rápido e cómodo e damos continuidade ao Plan de Conservación elaborado pola Xunta de Galicia para equilibrar a protección do enclave e facilitar a afluencia”.
A representante da Consellería de Medio Ambiente sinalou que estas medidas van en consonancia “co aumento progresivo de visitantes”, que durante este verán supuxeron un 23 por cento máis con respecto ao mesmo período en 2016. En total, durante os pasados meses de xullo e agosto, 245.000 persoas coñeceron o Monumento Natural da Praia das Catedrais, que contrastan coas 198.000 que visitaron este enclave no mesmo período en 2016. Xa o ano pasado, se rexistrou un aumento do 20 por cento en relación ao 2015, cando se contabilizaron 165.214 visitas.

PUBLICIDADE