O Goberno galego activa axudas para emprender en TIC dende o rural

luns, 3 de xaneiro do 2022 Fernando Sarasketa

O Goberno activou unha nova edición do programa Galicia Emprende Rural, que achegará axudas por valor de 2 millóns de euros ao redor de 70 proxectos de autónomos e emprendedores, posibilitando a creación de preto de 200 empregos no medio rural. Estes apoios poñen en impulsar iniciativas non agrícolas, como por exemplo centradas nas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
Con esta nova edición, cuxo prazo de presentación de solicitudes ficará aberto dende este 4 de xaneiro até o 8 de marzo, a Administración galega quere “reforzar a súa aposta polo emprendemento”, e máis en concreto por unha liña desenvolvida polo IGAPE e co-financiada polo FEADER que se dirixe a “estimular o tecido empresarial galego, fomentando o emprego mediante o apoio á creación de proxectos vencellados a actividades non agrícolas en zonas rurais”.
Entre as actuacións industriais prioritarias que o Galicia Emprende Rural busca impulsar figuran as de sectores como automoción, téxtil, aeronáutico, químico, medioambiental, TIC, audiovisual, pedra natural e industrias creativas, entre outras.
O importe das axudas mínimas concedidas por beneficiario é de 20.000 euros e o das máximas é de 45.000. Os investidores que se acollan a esta liña de apoios desenvolverán os seus plans empresariais de negocio en 18 meses e recibirán un adianto do 60% da axuda concedida, logo da notificación da resolución e a acreditación de dito plan.
Ao abeiro das tres anteriores edicións, este programa impulsou 180 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos, coa concesión de axudas por importe de 11 millóns de euros vinculadas ao compromiso de creación e mantemento de 453 postos de traballo por parte das iniciativas apoiadas.

PUBLICIDADE