O Goberno galego e unha manchea de entidades pechan fileiras nas redes arredor das Letras Galegas e Carvalho Calero
luns, 11 de maio do 2020
As
Letras Galegas 2020 pasarán á historia por moitas cousas, pero sen
dúbida, por mor das complexas circunstancias que estamos a vivir,
pasarán por ser as Letras Galegas nas que máis esforzos fixemos,
dende todas as frontes, por celebrar nas redes a nosa cultura e o
legado e a traxectoria do autor homenaxeado nesta edición: Ricardo
Carvalho Calero. Trátase máis que nunca dunha festividade cargada
de reafirmación, revitalización, positivismo e unanimidade? Sen
dúbida si, e iso reflíctese nas
moitas actividades (boa parte delas virtuais) que aglutina o programa
que a Xunta, en colaboración cunha chea de entidades e empresas (a
Real Academia Galega, a asociación AGAL, o colectivo Egeria), vén
de presentar. Haberá, en Internet, eventos virtuais, festivais,
mostras, audiovisuais, eventos literarios, académicos e escolares.
Amais, o Portal da Lingua Galega que
impulsa a Secretaría de Política Lingüística será un dos
principais puntos de encontro da Programación Conmemorativa das
Letras Galegas 2020, ofrecendo en aberto para a súa consulta ou
descarga material dos proxectos conmemorativos, un material que se
irá renovando e enriquecendo ao longo destes días.
Entre
estes recursos dos que estamos a falar, atópase
a web Carvalho Calero 2020, impulsada pola Associaçom Galega da
Língua (AGAL) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política
Lingüística, no que se ofrece cumprida información sobre a
biografía e obra do autor, así como o acceso a recursos dixitais
deseñados tamén no marco desta colaboración, como unidades
didácticas para o ensino primario e secundario, ou referencias ás
edicións bibliográficas conmemorativas, fotografías que ilustran a
súa vida e traxectoria e descarga da
imaxe icónica orixinal, especialmente deseñada para a
celebración deste Ano Carvalho Calero 2020 que a AGAL e a Xunta
poñen a disposición de toda a cidadanía. Nesta web tamén se fai
especial fincapé nas fortes ligazóns que o autor homenaxeado
mantivo con Portugal, ligazóns que comparten AGAL e unha manchea de
colectivos actuais e que se manifesta na defensa da unidade
lingüística e na plena integración do pobo galego no ámbito
lusófono.
Segundo
explica Política Lingüística, tanto dende carvalho2020.gal
como dende o Portal da Lingua Galega poderanse ver e descargar desde
a semana vindeira e en formato dixital os materiais (paneis e
folleto) que configuran o proxecto expositivo A voz presente,
promovido pola AGAL en colaboración coa Xunta de Galicia e baixo
xestión e produción de Ouvirmos, para difundir a dimensión
artística, humana e lingüística de Ricardo Carvalho Calero e poñer
en valor e resituar a súa figura e o seu legado. Esta mostra
desenvolverase até decembro, percorrendo diferentes puntos da nosa
biografía e mesmo chegando a Concelho de Viana do Castelo (Portugal)
en canto as restricións da COVI-19 o permitan.
Dende
a Xunta tamén destacan carballocaleroenlugo.org,
feito polo Colectivo Egeria en colaboración coa Consellería de
Cultura e Turismo e do Colexio Fingoi, onde se homenaxea a figura do
autor e a súa estadía na Cidade da Muralla entre 1950 e 1965 coa
exposición Don Ricardo de Fingoi, desde agora tamén en
formato dixital para superar as barreiras impostas pola COVID-19 até
poder continuar o seu itinerario por diferentes espazos expositivos
de Galicia.
O
Goberno galego tamén salienta a relevancia que adquire estes días o
portal institucional da Real Academia Galega, que ofrece unha
entrega diaria da serie Unha palabra para don Ricardo, un
conxunto de minipezas audiovisuais arredor da figura de Carvalho
Calero a través desta canle e das redes da institución, coa
colaboración do Executivo autonómico, e que tamén serán
difundidas pola CRTVG.
A
maiores de todo o devandito seguindo co fío da actividade online
arredor de Carvalho Calero, o Portal
da Lingua Galega loce xa desde febreiro unha das fotografías
máis representativas do 2020, a de Carvalho Calero na compostelá
Praza da Quintana, tirada por Moncho Rama. A ela hanse sumar estes
días o xogo de seis caricaturas de Siro que Política Lingüística
porá tamén a disposición de toda a cidadanía, a serie de seis
vídeos de divulgación arredor da figura do ferrolán feitas por Xan
Leira e Acuarela Comunicación e o novo libro Ricardo Carvalho Calero
da colección As miñas primeiras Letras Galegas impulsada por
Edicións Bolanda en colaboración coa Xunta.
A
maiores, o Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de
Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE), en colaboración Política
Lingüística, inundan de novo as redes co cancelo
#etiquetadosengalego, lema da campaña Valoremos
o noso. Con acento propio, dirixida tanto a empresariado como
a consumidores e orientada a poñer en valor o produto etiquetado na
nosa lingua e mais o seu consumo.
Certames,
festivais e citas na Rede
No
marco da programación conmemorativa, os departamentos de Política
Lingüística e Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta
estrean o novo certame Lingua de rapear, para apoiar a
creatividade e dinamizar a lingua nos usos e espazos de interese para
a mocidade. Daranse a coñecer as bases e os premios nos vindeiros
días.
A
maiores, co obxectivo de conmemorar as letras, honrar o autor
homenaxeado e dinamizar o galego, a
marca leiteira Feiraco, coa colaboración de Política
Lingüística, puxo en marcha o noveno Certame de Relatos Breves
Feiraco, inspirados na frase Á sombra daquel carballo
centenario... e máis o primeiro Certame Infantil de Artes
Plásticas Feiraco 2020, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 12
anos. As bases, prazos de participación e premios xa figuran nas
redes sociais da cooperativa agrogandeira galega.
Polo
que se refire aos festivais literarios, tamén toman as redes para
festexar a lingua galega e celebrar a Carvalho desde o exterior, como
o Festival
Internacional Kerouac Poesía e Performance, que organiza un
encontro dixital a través da plataforma Zoom que será retransmitido
por Facebook e YouTube Live o mesmo 17 de maio, ás 18,00 horas.
Presentado por Marcos de la Fuente, convida a artistas galegos e
representantes do mundo da cultura en Estados Unidos a sumarse á
celebración das Letras Galegas.
Vai
de Letras
A
Consellería do Mar desenvolverá ao abeiro da campaña Vai de
Peixe (destinada á promoción do consumo de produtos do mar
entre os millennials galegos) un concurso de relatos curtos en
galego baixo o nome de Vai de Letras. Esta acción está
dirixida ás mozas e mozos de entre 18 e 35 residentes en Galicia e
para participar nela deberán completar un texto de inicio (“Queremos
a vida como queremos o peixe, sen espiñas, pero...”) cunha
proposta de non máis de 150 palabras, a maiores do texto de inicio,
ao que poderán acceder a través das redes sociais e da
web de Vai de Peixe. Os relatos deberán estar escritos en lingua
galega e xirar arredor da temática desta campaña. O prazo de
participación comezará ás 13,00 horas do vindeiro 13 de maio e
rematará o día 28. A persoa premiada recibirá un lote de libros e
un teléfono móbil intelixente.
Recursos,
ferramentas e divulgación desde o ámbito educativo
Segundo
informou o Goberno galego, os centros educativos da nosa terra tamén
estará no epicentro das actividades en liña de conmemoración,
atopando novamente en Lingua.gal os recursos elaborados polo
profesorado dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, que, desta
volta, permitirán traballar desde a casa a figura de Carvalho Calero
en todos os niveis educativos preuniversitarios, sen esquecer o
alumnado con necesidades específicas. Neste senso, Política
Lingüística informou de que xa están dispoñíbeis as
dúas mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2020,
que ofrecen cadanseus 10 carteis explicativos da vida e da obra do
autor acompañados de unidades didácticas. A estas únense as
unidades elaboradas desde Escolas Católicas; as actividades, tanto
imprimíbeis como interactivas, do Seminario Galán; os materiais
audiovisuais, como videopoemas, pequenos documentais feitos polo
alumnado e ata o xa clásico telexornal do CPI dos Dices, con
entrevistas a expertos e persoas próximas a don Ricardo; xogos de
taboleiro, pasapalabras e mesmo salas de escape para aprender
xogando; e tamén concursos, como o II Certame de podcasts Xosé
Mosquera Pérez ou o de marcapáxinas do IES San Clemente.
Asemade,
o espazo universitario internacional LiberQuaré, Familias Mundi e a
Fundación polo Desenvolvemento Humano e Social de Galicia
(FUNDHESGA), co apoio de Política Lingüística, organizan o evento
Cápsulas
Solidarias Xa abriu o día. Letras Galegas no Ano Carvalho Calero.
Trátase da emisión seis vídeos nos que se convida á lectura de
obras literarias galegas e se divulga o coñecemento do autor a quen
este ano se lle dedica o 17 de maio. As emisións levaranse a cabo
entre o 11 e o 16 de maio, en horario de 12,30 a 12,45 horas, a
través da páxina de Facebook de LiberQuaré.
Polo
que se refire ás actividades no exterior, terán especial
protagonismo os centros de estudos galegos (CEG) que a Xunta de
Galicia sostén en universidades de tres continentes, tanto agora
como en outubro (nas datas elixidas pola RAG para a celebración da
festa da lingua neste ano marcado pola pandemia). A Xunta explica que
son varios os CEG que optaron por trasladar a celebración de maio a
Internet programando vídeo-conferencias sobre Carvalho Calero a
través de distintas plataformas (como acontece en Zúrich ou
Deusto), exposicións virtuais acerca da súa vida e obra (no
Algarve, Barcelona...) ou mesmo unha sala de escape en liña centrada
na muller na literatura galega (Zadar). No Portal da Lingua Galega
tamén se pode ler xa un número especial da revista de poesía en
Madrid Olga, impulsada polo CEG da Universidade Complutense, dedicado
a don Ricardo.
Maio
e outubro, meses das Letras Galegas 2020
Debido
ás restricións derivadas da COVID-19, boa parte das iniciativas
previstas no marco da Programación Conmemorativa das Letras Galegas
2020 presentada no mes de febreiro adquiren dimensión virtual para
celebrar o 17 de maio desde Internet. Con todo, moitas outras citas
adíanse ata o mes de outubro, de acordo coa decisión da RAG de
fixar os actos previstos para o 31 dese mes, o que propiciará que o
ano 2020 conte con dous meses nos que celebrar as Letras.