O Goberno galego pon en marcha unha campaña para galeguizar as redes sociais, incluída Twitter

luns, 23 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Os estudos recentes sobre presenza da nosa lingua nas comunidades 2.0 non emiten bos agoiros, todo hai que dicilo, sobre o futuro do galego nas redes. A cuestión agrávase cando hai servizos, por exemplo Twitter, que achegan versións en tódalas linguas oficiais do Estado agás na nosa. A campaña de dinamización lingüística Redes sociais en galego diríxese, como o seu propio nome indica, a ofrecer un contrapunto a esta situación e, sobre todo, a salientar a importancia de comunicármonos no idioma propio nas novas canles, achegándolles ao mesmo tempo a diversidade que precisan.
A campaña vén da man da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Trátase dunha iniciativa, informaron os ditos departamentos da Xunta, que quere apoiar diferentes mobilizacións internautas xurdidas a prol da galeguización das redes sociais e mais unha nova vía para alcanzar os obxectivos recollidos no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) no ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).
No acto de presentación, que tivo lugar na Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, participaron os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García respectivamente; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; o escritor Xosé Neira Vilas; o actor Rubén Riós; o impulsor da iniciativa Twitter en galego, XA!, Ian Vázquez; a escritora e presentadora do programa de televisión Cifras e Letras, María Canosa; a actriz María Mera e mais as gañadoras do certame You Tube Space Lab, María Vilas e Laura Calvo.
Entre as medidas que se poñen en xogo inclúese o apoio do Goberno galego á iniciativa internauta Twitter en galego, XA!, que leva recollidas a día de hoxe máis de 2.000 sinaturas a prol da versión galega da dita rede social, que xa conta, por certo, con versión en catalá e éuscaro. A directora da axencia AMTEGA fixo saber que dende a Axenda Dixital de Galicia 2014.gal estase a apoiar a construción dunha comunidade con identidade de seu na era dixital, “que difunda a nosa cultura tanto dentro como fóra de Galicia e favorece a presenza da súa riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social en Internet”, dixo. Ao fío disto, salientou o apoio da Xunta a creación do dominio .gal na Rede e nesta mesma liña, engadiu, “apoiamos a iniciativa dun Twitter en galego porque a lingua e a cultura teñen que ir da man dos avances da rede”.

Anxo Lorenzo instou ao uso das redes sociais en galego

Campaña en Twitter
Os usuarios do Twitter, a rede social pensada para as mensaxes breves, iniciaron hai uns meses unha campaña para conseguiren unha versión en galego, que xa existe noutras plataformas deste tipo orixinadas fóra de Galicia, coma Facebook ou Tuenti. A reivindicación xurdiu cando se constatou que Twitter, seguindo os pasos de Facebook, decidiu autorizar os usuarios para faceren a tradución a linguas coma o éuscaro e o catalán, pero non ao galego.

Redes sociais galegas
Outras redes sociais que funcionan en galego son as que se crearon dende Galicia. A máis veterana é Cabozo, xurdido no 2007 e con preto de 7.000 usuarios. Elaborada con código propio, funciona integramente en galego e está dirixida á sociedade galega, manténdose aberta a persoas doutras partes de España e do mundo (Alemaña, México, Brasil, Portugal, Arxentina...). No ano 2010 creouse, a partir de código xa existente de libre distribución, a rede social Latri.ca, que segue o modelo de Twitter. O obxectivo dos seus creadores foi ofrecerlle unha ferramenta a persoas que “tivesen un nexo de unión común, que falasen en galego ou se atopasen en Galicia, unha maneira máis sinxela de poder atopar xente máis próxima a ti”. Arestora conta con máis de 1.000 seareiros. Ademais destas redes sociais de carácter xeral, existen outras especializadas, coma Redelibros (centrada na literatura e dirixida a profesionais do ámbito literario e mais lectores anónimos), Ikimap (que se ocupa do intercambio e das consultas de mapas de todo o mundo entre os seus máis de 4.000 usuarios) ou Redeiras (unha rede social destinada ao profesorado e impulsada pola cultura de Consellería de Cultura e Educación).

PUBLICIDADE