O Goberno garante o acceso á Rede a alta velocidade ó 96% da poboación ó finalizar 2007

luns, 29 de outubro do 2007 Raquel Noya

O Goberno vén de achegar datos sobre o acadado nos últimos anos en materia de extensión da Rede e os plans a curto e medio prazo. No que se refire ó primeiro, cómpre sinalar que, segundo informa o Executivo, máis de 4.000 concellos que en 2004 non tiñan acceso á Rede xa forman parte da Sociedade da Información “grazas ó Programa de Extensión da Banda Ancha que está a desenvolver o Ministerio de Industria”. Desta iniciativa, prosegue o departamento do Goberno, xa se beneficiaron máis de 6,5 millóns de cidadáns que viven en máis de 45.000 núcleos de poboación localizados nas zonas rurais e illadas e está previsto que a finais de 2007 se teña cuberto o 96 por cento do total da poboación.
O devandito Programa de Extensión da Banda Ancha en zonas rurais e illadas naceu co obxectivo de acadar en 2008 a dispoñibilidade de banda ampla nas zonas máis desfavorecidas do territorio, en condicións técnicas e económicas semellantes ás existentes nas zonas urbanas. Deste xeito, en decembro de 2008 prevese que o 98% dos cidadáns residentes nestes núcleos de poboación teñan acceso completo á Internet de alta velocidade.
Internet na Vila
A iniciativa do Ministerio de Industria vai culminar coa campaña de comunicación Internet na Vila, que sensibilizará á cidadanía sobre os beneficios derivados do acceso á Rede, tales como oportunidades laborais, freo á despoboación e maior eficiencia na xestión territorial.
A devandita campaña de difusión e divulgación do Plan de Extensión da Banda Ancha, que conta cunha dotación de 2,5 millóns de euros, levarase a cabo entre outubro e decembro deste ano e incluirá unha importante campaña de publicidade na radio e na televisión baseada en testemuñas reais de personaxes do entorno rural ós que Internet lles supuxo unha grande axuda.

PUBLICIDADE