O Goberno levará fibra de alta velocidade a 1.500 vivendas e empresas de Chantada

xoves, 2 de marzo do 2023 Lucía Villaverde

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, reivindicou este xoves 2 de marzo en no concello de Chantada o compromiso do Goberno “por impulsar a dixitalización e a cohesión territorial da provincia, con especial atención a aqueles concellos afectados polo despoboamento”. Segundo fixo saber, Chantada é “unha mostra da importancia que os veciños e veciñas da provincia teñan as mesmas oportunidades e os mesmos servizos” salientou, engadindo que a previsión é levar Internet ultrarrápida a 1.500 vivendas e empresas.
A subdelegada mantivo unha reunión co alcalde, Manuel Lorenzo Varela, para abordar os investimentos do Goberno no municipio e presentarlle as principais liñas dispoñíbeis para transición ecolóxica, vivenda, administración pública, e recoller tamén as súas demandas e opinións.
Durante a visita, Isabel Rodríguez avanzou que Chantada está incluída na segunda convocatoria do plan Único do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital para a dotación de fibra óptica. Así, o Goberno achegará a banda largada ultrarrápida a case 600 zonas do municipio, valorada en máis de 500.000 euros, beneficiando directamente a 1.500 fogares e empresas. O Ministerio financia con este programa ata o 90% dos custos.
En relación a isto, Isabel Rodríguez adiantou que o Goberno vén de sacar a convocatoria do Plan Único de Demanda Rural que mellorará a cobertura nas zonas remotas a un prezo alcanzábel. Isto será posíbel grazas a tecnoloxía satélite adxudicada a Hispasat e que permitirá acceder a alta velocidade en territorios nos que non se poida dispoñer de tecnoloxía fixa a un prezo que non poderá superar os 35 euros mensuais para os usuarios finais do servizo.
Durante a xornada, a subdelegada e o rexedor tamén perfilaron o dispositivo de seguridade previsto para a XL Feira do Viño, que se celebrará os días 10, 11 e 12 de marzo. Tal e como se acordou no encontro, os efectivos da Garda Civil xunto coa Policía Local intensificarán os traballos de vixilancia para evitar incidentes.

PUBLICIDADE