O Goberno permitirá á Coruña, Santiago, Ribeira e Ames contar con axentes específicos de innovación

luns, 24 de xaneiro do 2022 S. P.

O Goberno central vai reforzar e impulsar a innovación nos concellos a través de axentes específicos con presenza local. Na nosa terra, estarán presentes en catro concellos territorios pertencentes á Rede de Cidades da Ciencia e a Innovación. Estes concellos son A Coruña, Santiago de Compostela, Ribeira e Ames. Así o confirmou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, lembrando que o Executivo central vén de aprobar as axudas polas que os catro concellos poderán contratar axentes locais para o desenvolvemento de iniciativas municipais vinculadas á innovación.
Preto de 130.000 euros
O Ministerio de Ciencia e Innovación aprobou a concesión de 128.177,5 euros para os municipios galegos da Coruña, Santiago de Compostela, Ribeira e Ames, que poderán afrontar con eles a contratación deste persoal técnico. “Os axentes de innovación serán unha figura esencial para os concellos, axudando a alcanzar os seus retos de futuro mediante asesoría e redes de coñecemento apoiadas na ciencia e tecnoloxía”, indicou Miñones, engadindo que esta iniciativa “supón unha nova mostra da vocación municipalista do Goberno, esta vez nun ámbito tan relevante como a innovación”.
Jose Miñones explicou que estas axudas están orientadas a concellos que pertencen á Rede de Cidades de Ciencia e Innovación, a Rede Innpulso. A través destas axudas, o Ministerio contribúe co 75% do custo anual desta contratación nos municipios de entre 20.001 e 100.000 habitantes (Ribeira, Ames e Santiago) que perciben 34.957,5 euros cada un, mentres que nas cidades máis de 100.000 habitantes (A Coruña) financiará ata o 50%, o que significa unha achega de 23.305 euros.
O delegado do Goberno detallou que os axentes de innovación dedicaranse en exclusiva á posta en marcha das políticas de innovación municipais. “Esta figura”, dixo, “promoverá o desenvolvemento de proxectos de innovación dixital, a licitación de proxectos de compra pública de innovación, e os plans de sustentabilidade, aforro enerxético ou economía circular”. Asemade, adicarase ao fomento tecnolóxico e social local.
A Rede Innpulso é un foro de encontro das cidades galardoadas coa distinción Cidade da Ciencia e a Innovación que concede o Ministerio de Ciencia e Innovación. Actualmente está integrada por 63 cidades de todos os tamaños e cada ano recibe novas incorporacións.

PUBLICIDADE