O Goberno porá en marcha un centro de innovación en liña vinculado ao turismo

luns, 13 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O Ministerio de Industria e máis a Organización Mundial de Turismo (OMT) veñen de asinar un acordo para impulsar a innovación e a divulgación do coñecemento en materia turística. Nun plano máis concreto, a alianza acabada de presentar collerá corpo na posta en marcha da Plataforma Tecnolóxica de Intelixencia e Innovación Turística en liña, unha iniciativa público-privada que se dirixirá a impulsar e rendibilizar a información xerada polos membros afiliados da devandita OMT (preto de 400 en todo o mundo) e axudar á mellora da competitividade e a calidade do sector turístico no internacional.
Asemade, engadiron os asinantes, a plataforma posibilitará o desenvolvemento dunha comunidade virtual turística entre os integrantes da Organización que dará soporte e recursos compartidos ao traballo das universidades e as empresas e institucións do sector turístico.
Amais, puntualiza o Ministerio, achegará ferramentas virtuais que permitirán xestionar o fluxo de datos entre grupos de traballo e foros especializados.
A plataforma será desenvolvida por SEGITTUR, a Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas.

PUBLICIDADE