O Goberno presenta unha guía con recursos para actuar de maneira axeitada perante o ciberacoso

martes, 12 de novembro do 2013 Redacción

O Goberno central presentou este luns un recurso divulgativo para loitar contra o acoso á nenez a través da Rede. Trátase, máis polo miúdo, dunha campaña xeral de actuación contra estes comportamentos que inclúe no seu seo unha guía que nos axuda a evitalos ou ben a identificalos e denuncialos no caso de que nos demos de fronte con eles. A iniciativa vén da man do Ministerio de Industria, e foi presentada polo titular deste departamento, José Manuel Soria, e máis polo presidente da Comunidade de Madrid, Ignacio González. Ponse en marcha a través do Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) e ten o obxectivo de concienciar, formar e avaliar a posibilidade de incorporar contidos de confianza dixital en itinerarios educativos escolares. Como dixemos, a campaña inclúe a publicación da Guía de actuación ante o ciberacoso (en pdf), que contou para a súa elaboración “cun nutrido grupo de expertos”. Inclúe materiais que fan máis doada a localización do fenómeno para pais e educadores, así como indicacións de como actuar perante situación. Na súa creación participaron un total de 23 expertos na materia, incluíndo membros dos Ministerios de Xustiza e Interior, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, universidades, médicos, psicólogos e representantes das asociacións de nais e pais de alumnos, así como expertos de Google e redes sociais de gran pegada social, como Tuenti ou Facebook. Segundo fixo saber o Goberno na súa presentación, “na actualidade, os nenos e mozos acceden a Internet e as novas tecnoloxías a idades cada vez máis temperás, idades que baixan até os dez anos no caso de Internet, até os 11 no de teléfono móbil e até os 13 en teléfonos intelixentes”. E engadiu: “Os chamados nativos dixitais desenvólvense con familiaridade e habilidade na Rede e aproveitan ao máximo as súas posibilidades de comunicación e socialización; porén, ao mesmo tempo son un colectivo especialmente vulnerable e, en ocasións, proclive a asumir riscos que poden derivar en situacións non desexadas, tales como o ciberacoso”.

PUBLICIDADE