O Goberno quere que toda Galicia teña banda larga de alta velocidade antes de 2025

mércores, 29 de setembro do 2021 S. P.

O delegado do Goberno, José Miñones, presentou hoxe os investimentos do Executivo para o concello de Carballo, un plan que comparte os obxectivos principais do Estado para a nosa terra: apostar “por unha Galicia dixital, verde, inclusiva e igualitaria”. Segundo fixo saber, os investimentos do Goberno ascenden a 2,1 millóns de euros este mesmo ano. Asemade, poñendo o foco na folla de ruta galega, remarcou o interese do Executivo central para cubrir con banda larga a totalidade da nosa xeografía antes de 2025.
Acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o delegado mantivo un encontro de traballo no Consistorio seguido pola supervisión do proxecto Cicl-Ando Carballo, que conta con nove sendas peonís e unha rede de aparcabicis.
Respecto da dixitalización, “un dos grandes piares do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia”, sinalou que se está a materializar en Carballo a través do Plan de Extensión de Banda Larga, impulsado polo Misterio para Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Esta liña de traballo tradúcese en 55 núcleos de poboación do rural do dito municipio que se van ver beneficiados do plan PEBA e, polo tanto, disporán de Internet de alta velocidade nos seus fogares e empresas.
Obxectivos para Galicia
Como dixemos, o obxectivo do Goberno central é alcanzar o 100% de cobertura de banda larga de alta velocidade en Galicia antes de 2025. “Isto é clave para a continuidade do rural e garantir a igualdade de oportunidades da súa poboación”, sinalou Miñones, destacando que o subministro de redes é “unha das medidas que buscan dinamizar o rural galego e afrontar o reto demográfico”.

PUBLICIDADE