O Goberno recibe máis de 4.500 solicitudes de rexistro multilíngüe para o dominio .es

martes, 6 de novembro do 2007 Raquel Noya

Co principal obxectivo de poñer en valor o español en Internet e no desenvolvemento da Sociedade da Información, ven de celebrarse na Real Academia Española o acto de presentación dos dominios multilíngües, presidido polo presidente do goberno, José Luis Rodríguez Zapatero e apoiado por académicos procedentes das 22 Academias da Lingua. Neste acto, o Goberno comunicou o afianzamento do compromiso de incorporar ós dominios “.es” caracteres como o ñ, a cedilla, o l xeminado, as tiles ou as diéreses, algo que xa adiantaba na Lei de Medidas de Pulo da Sociedade da Información que se tramita actualmente no Congreso dos Deputados.
A fase preferente do proceso de solicitudes de dominios “.es” con caracteres propios do castelán, catalán, éuscaro e galego vén de pecharse o pasado 30 de outubro cun total de 4.460 solicitudes recibidas e 2.480 dominios rexistrados. Este proceso de rexistro estase a levar a cabo de xeito “escalonado” de tal maneira que nunha primeira fase (desenvolvida do 2 ó 30 de outubro de 2007), só os titulares de nomes de dominio rexistrados antes do 1 de xuño de 2007 puideron solicitar a versión multilingüe de ditos dominios e proximamente, cun aviso de 15 días de antelación, iniciarase unha nova fase que permitirá a solicitude de nomes de dominios .es multilingües.
Mediante esta medida, o Goberno pretende incrementar o número de dominios “.es” e facilitarlles ós cidadáns e ás empresas españolas o acceso a este recurso. Para iso, o dito plan propón unha redución das tarifas nun 71 %, a axilización no proceso de rexistro e a redución de prazos de obtención até facelos equivalentes ós de outros rexistros internacionais.

Clasificación das solicitudes recibidas
Os caracteres máis solicitados durante a primeira fase deste proceso foron o ó e o ñ, que suman o 48 por cento das peticións, seguidos do í (20 por cento), o á (13 por cento) e o é (11 por cento). Tendo en conta os dominios solicitados en España, o 30 por cento das peticións proceden de Madrid, o 21 por cento de Valencia e o 15 por cento de Cataluña e, en canto ás solicitudes procedentes doutros países, o 58 por cento fixéronse en Estados Unidos e o 18 por cento en Chipre. Por outra banda, o 91 por cento das solicitudes realizáronse a través de axentes rexistradores e o restante 9 por cento polos usuarios finais.

PUBLICIDADE