O HTC Legend chegará a España o 1 de abril

martes, 23 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Vodafone presentou esta mañá as condicións nas que comercializará en España o terminal HTC Legend, que será o primeiro móbil que a operadora británica porá á venda co sistema operativo Android 2.1 e que, pese a estar considerado coma o sucesor do HTC Hero, no caso de Vodafone tomaría o relevo do HTC Magic.
O novo terminal estará á venda a partires do 1 de abril, resultando de balde para os usuarios con portabilidade cun compromiso mensual que supere os 70 euros de gasto, mentres que os que contraten un plan de datos de 15 euros/mes e 9 euros de voz deberán pagar uns 150 euros polo terminal. No caso de que o compromiso de voz sexa de 20 euros/mes (mantendo a tarifa de datos de 15 euros/mes) o HTC Legend en portabilidade sairía a 49 euros.
O HTC Legend será comercializado en exclusiva por Vodafone ata finais do verán, e a compañía integrará o servizo MiWeb de Vodafone 360 neste terminal que incluirá de serie unha tarxeta de memoria microSD de 16 Gb. Cómpre lembrar que estamos ante un terminal cunha pantalla multi-táctil de 3,2 polgadas cunha resolución de 320 x 480 píxeles, procesador a 600 MHz, cámara de 5 Mpíxeles, GPS, compás dixital, Wi-Fi, Bluetooth, toma para auriculares estándar e moitas outras prestacións propias dun terminal con Android, aínda que haberá que agardar para coñecer as condicións nas que Vodafone comercializa o seu irmán maior, o HTC Desire (con procesador a 1 GHz e pantalla cunha resolución de 480 x 800 píxeles) para saber se este terminal resulta suficientemente atractivo.

PUBLICIDADE