O IES da Pobra e o Concello organizan obradoiros para fomentar usos en positivo das novas tecnoloxías

xoves, 31 de marzo do 2022 S. P.

Fomentar un uso razoábel, seguro e enriquecedor das novas tecnoloxías. Este é un dos grandes obxectivos dos obradoiros sobre detección de condutas aditivas sen substancia que se van levar a cabo na Pobra do Caramiñal, no Instituto de Educación Secundaria, impulsados polo propio centro e a Concellaría dos Servizos Sociais logo da frutífera colaboración previa no mesmo ámbito de traballo divulgador.
Trátase dun programa que xorde das xuntanzas mantidas entre ámbalas partes implicadas e que se centra, como dixemos, nas novas tecnoloxías da información. Desta volta, a acción está dirixida ao alumnado das catro aulas de 1.° da ESO do mencionado instituto, ao longo de dúas xornadas desta semana, co equipo psicolóxico formado por Juan Carlos Permuy Bermúdez e Carla Duch, quen, xunto con Belén Montesa Lou, impartirán tamén no 7 de abril, a partir das 19.00, un obradoiro sobre o mal uso dos dispositivos móbiles destinado a familias e a estudantes do curso devandito. Será no salón de usos múltiples do centro educativo e resulta preciso confirmar a asistencia a través da aplicación abalarMóbil.
A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), xunto co director do IES, Alejandro Bobillo, e a xefa de estudos, Milagres Romero, manifestou na presentación destes novos obradoiros que o obxectivo é “previr e paliar as consecuencias negativas no ámbito académico e tamén no desenvolvemento cognitivo e persoal" do mal uso e abuso das novas tecnoloxías, amais de ofrecer á á rapazada “unha nova perspectiva sobre elas, aspecto que tamén se traballará cos pais e nais no día 7”.
Doutra banda, o director apuntou que os talleres están sendo "todo un éxito", onde se explica un emprego adecuado das vías telemáticas, condutas que non se poden tolerar e como xestionar determinado contido. Preténdese, polo tanto, "ir un pouco máis alá do que podemos facer na nosa práctica diaria."

PUBLICIDADE