O INTECO achega consellos de seguridade para usuarios de móbiles ante o medre do malware

martes, 20 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

Que pasa cando lle pasa algo ao noso móbil? Segundo a última vaga do Estudo sobre seguridade en dispositivos móbiles de INTECO, pásalle cada vez máis o mesmo que lle pasa aos computadores. Así, aínda que o roubo e a perda dos teléfonos son as incidencias máis habituais declaradas polos usuarios, un 3% confesa ter sido vítima dunha infección de malware, e o 6,6% dun caso de fraude. De feito, o malware para sistemas operativos móbiles creceu un 640% en 2011.
Ao igual que acontece cos equipos, executar ou empregar programas que proveñen de fontes dubidosas pode supor un risco de seguridade”, informa o instituto, e engade como recomendación: “Neste senso, e como bo hábito de seguridade, un 91,2% dos usuarios de smartphones que se descargan aplicacións no seu terminal faino dende os acubillos dixitais oficiais”. Pero hai máis medidas preventivas: o emprego do código PIN (86,9%) para a protección do trebello, realizar copias de seguridade e sistemas extra de contrasinal trala inactividade (30,8 e 15,5%, respectivamente) ou anotar o número do IMEI (International Mobile Equipment Identifier). Isto último, sinálase dende INTECO, posibilita que teñamos identificado o móbil e permítenos o seu desactivamento remoto ou recoñecemento do mesmo en caso de roubo ou perda. Neste senso, un 28,5% dos usuarios de telefonía móbil téñeno apuntado.

PUBLICIDADE