O ITG desenvolve unha IA para predicir a repercusión das producións audiovisuais

martes, 4 de xullo do 2023 S. P.

Óscar González, director da área TIC en ITG

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) está a desenvolver aplicacións de Intelixencia Artificial (IA) para axudar a predicir o comportamento en pantalla das producións audiovisuais. Isto, sinala o ITG, permitirá ás compañías de creación de contido audiovisual que empregando tecnoloxías de Big Data (análise de información a gran escala) e IA, sexan quen de adiantarse ás necesidades do mercado optimizando os seus procesos de produción.
Óscar González, director da área TIC en ITG, destaca que “a ferramenta desenvolvida por ITG permite tratar unha gran cantidade de datos para determinar patróns e variábeis que inflúen nos hábitos de consumo audiovisual”.
ITG farao a través da identificación, a análise e o tratamento complexo de múltiples datos multisectoriais co obxectivo de adestrar algoritmos de aprendizaxe automática para obter predicións de éxito. Así, deseñará e creará unha ferramenta dixital que incluirá análise e xestión intelixente de datos (Data Fabric) con información obtida de redes sociais, entre outras fontes, como as reaccións detectadas ante determinados contidos. Desta forma, empresas galegas produtoras de contidos audiovisuais como a Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) poderán “realizar un diagnóstico máis certeiro sobre as posibilidades de que un produto audiovisual sexa ben acollido pola cidadanía, o que supón unha maior eficiencia do servizo público”, como sinala José Pereira, director da área de Innovación e Negocio en CRTVG.
Este desenvolvemento do ITG permitirá ás empresas produtoras ter unha análise máis eficiente do previsíbel percorrido de determinados produtos antes mesmo de acometer investimento na súa produción. Por unha banda, a partir de datos históricos de audiencia dunha serie producida, poderase determinar o interese xerado nunha tempada e, pola outra, ao coñecer os factores clave de éxito na xeración de contidos para unha contorna acoutada, como é o caso de Galicia, analizarase e determinará a percepción destes factores noutros territorios.
“É unha solución que achegará valor á toma de decisións, permitindo a automatización dun dos procesos máis complexos na programación televisiva e unha mellora clara nos procesos de traballo establecidos”, reflicte José Pereira. A implementación da ferramenta desenvolvida por ITG supoñerá para a CRTVG “un salto importante cualitativa e cuantitativamente, tanto nos procesos de compra de produtos como na programación co obxectivo de acertar cos gustos do espectador, o que redunda sempre en beneficio tanto do sector audiovisual como do servizo público”.

PUBLICIDADE