O ITG presenta en Estremadura un sistema para mellorar con drons o cultivo do tomate

mércores, 29 de xullo do 2020 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia presentou en Estremadura, na leira demostrativa da cooperativa ACOPAEX en Medellín, unha tecnoloxía que facilita o cultivo do tomate (o seguimento, a supervisión, a monitoraxe, a planificación e a xestión dos cultivos e das terras a sementar) con voos autónomos e drons e sistemas de comunicación autónomos de baixo custe e baixo consumo. O traballo foi desenvolvido polos profesionais do ITG ao abeiro da iniciativa SMARTOM, grupo operativo promovido pola Asociación Europea para a Innovación cuxo obxectivo foi acelerar a innovación no sector agro-alimentario.
A finalidade do proxecto presentado este 29 de xullo en Medellín foi optimizar o uso de agroquímicos e outros elementos no cultivo de tomate de industria, mellorar a calidade do produto e facilitar a xestión integral do ciclo de cultivo de tomate de industria operando sobre diferentes procesos críticos tales como o estado sanitario, a rega, a fertilización e a recolección baseándose no punto de maduración óptimo.
Segundo informou o ITG, o agricultor, mediante unha plataforma de soporte á decisión adaptada ás súas necesidades, poderá coñecer con maior detalle e antelación o que precisa a planta, o momento máis idóneo para regala ou fertilizala ou os riscos dunha praga ou dunha enfermidade. Neste caso, traballarase con algoritmos de predición xerais en base a datos históricos sobre estas situacións, clima ou medio ambiente, “o que permitirá fixar probabilidades”, explicou o instituto galego, engadindo que os seus enxeñeiros achegaron neste proxecto a súa experiencia e tecnoloxía en Telecomunicacións, análise de datos a gran escala (Big Data), Intelixencia Artificial, voos autónomos de drons e sistemas de comunicación autónomos.

PUBLICIDADE