O IV Concerto das Telecomunicacións do COETG congregou a centos de persoas

venres, 20 de maio do 2011 Raquel Noya

O pasado 17 de maio, cando tódolos galegos e galegas tivemos ocasión de celebrar o Día das Letras Galegas da maneira que mellor nos acaeu, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) aproveitou que tamén se conmemoraba o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, para celebrar, un ano máis, o seu Concerto das Telecomunicacións, que vai xa pola súa IV edición.
O evento, que contou coa colaboración da Fundación Caixa Galicia, foi amenizado por dúas agrupacións de música de cámara, o cuarteto Tegra e o dúo Orlova-Jelihovski, e congregou a preto de 300 persoas chegadas de toda Galicia.
Entre os asistentes a este concerto, que se celebra cada ano na cidade da Coruña, atopábanse enxeñeiros de telecomunicaións, representantes da industria TIC galega e demais autoridades municipais e autonómicas.
As persoas asistentes puideron gozar coa interpretación dun variado repertorio que incluíu dende pezas clásicas até fragmentos de coñecidos musicais. Esta celebración enmárcase na axenda de actividades conmemorativas do COETG programadas con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. Accións entre as que cómpre mencionar tamén a publicación do xa tradicional Manifesto do Colexio Profesional por mor desta data, ou a conferencia-coloquio que tivo lugar na Escola de Enxeñería de Telecomunicación (ETSET) de Vigo, na que participaron o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro Olavide, o presidente da Federación Galega de Parques Empresariais; Santiago Gómara, a Directora da ETSET; Edita de Lorenzo, o Director Xeral de GRADIANT; Fernando Pérez e o Presidente de INEO; Jorge Cebreiros.

PUBLICIDADE