O Máster en Enxeñaría Informática do Campus de Ourense abre o seu segundo prazo de preinscrición

mércores, 28 de agosto do 2013 Redacción

Dende esta semana e ata o 3 de setembro está aberto o segundo prazo de inscrición para o Máster Universitario en Enxeñaría Informática pola Universidade de Vigo no seu Campus de Ourense ata o próximo 3 de setembro. Está dirixido a profesionais e titulados que coa obtención deste Máster poderán ampliar a súa preparación e aumentar o seu nivel de cualificación profesional adaptado ao Espazo Superior de Educación Europeo.
O obxectivo principal do programa é a preparación de profesionais altamente cualificados que poidan planificar, deseñar, dirixir, coordinar e xestionar proxectos, produtos e procesos en todos os ámbitos da Enxeñaría Informática.
Adaptado ás necesidades profesionais de hoxe, o Máster estrutúrase en 3 cuadrimestres e ten unha carga docente de 90 ECTS. No terceiro cuadrimestre os alumnos terán que elixir especialidade: Deseño e administración de sistemas e redes; Dirección de informática; ou Calidade de procesos e Servizos Informáticos. Todas as especialidades inclúen prácticas profesionais en empresas e a realización dun proxecto fin de Máster.
As especialidades e a formación impartida no Máster achegan os coñecementos necesarios para traballos que teñen un elevado nivel de inserción no mercado laboral no ámbito socioeconómico galego e estatal.
A formación está dirixida principalmente a profesionais, Graduados en Enxeñaría Informática que desexen obter unha titulación de segundo ciclo, e alumnos que se encontren en disposición de distintos títulos LRU relacionados coa informática que desexan adaptar o seu currículo á nova estrutura de formación definida polo Espazo Superior de Educación Europeo.
O horario do Máster é uniforme o que permite compatibilizalo con outras actividades que estean a desenvolver os alumnos.

PUBLICIDADE