O Mobile World Congress contará con billetes subvencionados para profesionais españois

xoves, 20 de maio do 2021 Marcus Fernández

Na mesma semana na que a feira IFA de Berlín que debería celebrarse no mes de setembro cancélase ante as incertezas sobre a situación sanitaria a nivel global dende a organización do Mobile World Congress de Barcelona non só reiteran que celebrarán o evento presencialmente entre o 28 de xuño e o 1 de xullo, senón que sorprenden anunciando unha nova iniciativa, Dar lo que recibimos, a través da que ofrecen un Discover Pass, un billete subvencionado para acudir ao MWC por só 21 euros (sen IVE), comprometéndose a doar parte dos cartos recadados ao Fondo de Axuda COVID-19.
Os billetes subvencionados estarían dispoñibles até o 23 de xuño ou até que se esgoten os 30.000 que porán á venda, aínda que cómpre advertir que, para poder acceder ao recinto tamén será preciso adquirir unha proba de antíxenos (á venda por 15 euros) ao entrar no MWC21.
Poderán gozar desta promoción profesionais de industrias como a automoción, o transporte, a fabricación, os medios de comunicación, a educación, o comercio electrónico, as TIC... e incluso a traballadores de entidades gobernamentais e reguladoras, polo que case a dispoñibilidade é extraordinariamente elevada, dando a impresión de que buscan simplemente incrementar o número de asistentes locais ante a previsible ausencia de grandes compañías e profesionais de moitos países que non consideran aínda seguro viaxar no contexto sanitario actual.
A organización do evento tamén anunciou que o 30% dos participantes no MWC intervirán de xeito virtual, e confirmou que entre as marcas que terán presenza física están Huawei, ZTE, Dell e Sony, así como os principais operadores de telecomunicacións españois.

PUBLICIDADE