O Museo de Ciencia da Coruña amosa os cachivaches tecnolóxicos do século pasado

luns, 8 de xullo do 2013 Redacción

O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña inauguraba hai uns días nova sala baixo o nome de Sala Século XX: Cachivaches da sede do MUNCYT. Na devandita sala poderase gozar dun espazo de 500 metros cadrados que abranguen á súa vez cen espazos para outros tantos anos do século XX. Emporiso, en cadanseu espazo sitúase un obxecto relacionado coa ciencia e a tecnoloxía, a vida cotiá (electrodomésticos, vehículos, produtos, xoguetes), tamén ferramentas ou útiles profesionais ou mesmo materiais propios de industrias ou laboratorios que axudan a definir o progreso tecnolóxico durante ese século.
A xeito de ilustración, cadanseu ano leva ligado unha imaxe representativa da época (anuncio, fotografía, portada de xornal...) e un cartel cos cinco inventos ou sucesos tecnolóxicos máis importantes dese ano. Como curiosidade dicir que entre as pezas que se poden ver -procedentes de doazóns de particulares e de diversas institucións e empresas- podemos salientar, o Computador Macintosh Plus Apple (1986), un teclado de calculadora electrónica científica Texas Instrument (1977), un SEAT 600, unha máquina de coser (1904)...
O porqué do nome da sala -Século XX- radica en que este século foi o primeiro da historia no que se comezaron a crear cachivaches (de aí o nome da sala), ou dito doutro xeito: pezas útiles que se tornan en inútiles, de usar e tirar. Un exemplo disto podería ser a Play Station de Sony (1994), un obxecto creado non hai moito tempo que a día de hoxe pasou a converterse nunha peza de museo a causa do nacemento doutras máquinas de videoxogos máis modernas.
Por último, engadir que co motivo da inauguración desta sala, o Museo editou un catálogo co mesmo nome que recolle unha pequena descrición de efemérides e obxectos tecnolóxicos xurdidos durante o século XX. Este catálogo estará axiña dispoñible en versión dixital na web do Museo.

PUBLICIDADE