O Netscape chega á súa fin definitiva

luns, 3 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Sen arela de poñérmonos saudosos, cómpre falar agora duns tempos en que os internautas asistíamos ó tirapuxa entre dous navegadores que se repartían á práctica totalidade da comunidade redeira: por unha banda o Internet Explorer de Microsoft e, pola outra, o Netscape. O caso é que eses tempos veñen de chegar definitivamente á súa fin coa desaparición oficial da segunda das ferramentas, desaparición xa consumada hai anos (ó xeito dunha morte paseniña sen liña algunha de actividade) e que adquire agora repercusión por un anuncio no que se dá conta do peche total da soportabilidade.
O Nestcape, que en vida nunca chegou a compararse ó Internet Explorer malia ter posibilidades abondas para competir, tivo unha importancia ben decisiva para o futuro da Internet despois de morto, posto que tras ser adquirido pola compañía AOL en 1999 e da liberación posterior do seu código fonte (a primeira gran liberación da historia da informática, segundo nos informa Agnix) serviu para sentar os alicerces do xurdimento de Mozilla e, grazas a iso, do navegador Firefox, unha ferramenta (agora si) libre que medra cada ano en porcentaxe de usuarios e que en determinados países está a poñer contra as cordas ó xigante Microsoft e o seu navegador.

PUBLICIDADE