O New York Times incide nas recomendacións básicas para non facer do noso computador un club social do fraude en liña

martes, 9 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Orixinal reclamo publicitario para usuarios domésticos

O blogueiro galego Enrique Dans, que anda atarefado participando en diversas actividades no salón CES de Las Vegas, tivo marxe abonda estes días para facerse eco dunha serie de recomendacións achegadas polo New York Times para evitar na medida posible que nos convertamos nos protagonistas das tomas falsas de bricolaxe en casa en versión tecnolóxica.
Mellor dito, para que os diversos aparellos que nos ligan coa Sociedade da Información non acaben sendo coma un cartel que diga: “Se permite roubar”. E, en contra do que moitos internautas poderían pensar de boas a primeiras, o autor do artigo que recomenda Dans (John Markoff) non comeza e remata o texto desaconsellando de raíz calquera produto de Microsoft se o que queremos é acadar mínimos niveis de seguridade informática. Non, Markoff, sen negar o feito de Windows sexa o sistema operativo máis atacado (que o é), engade o seguinte: como non ía selo, se é o sistema maioritario? Polo tanto é, ó seu xuízo, un obxectivo lóxico para calquera tipo de ataque.
Estas son algunhas das súas recomendacións incluídas nun artigo que, como ben sinala Dans, non din en realidade nada que non saiba o común dos internautas, pero probablemente facilitarán o acceso á Sociedade do Coñecemento dos acabados de chegar cun mínimo de seguridade:

· Non compartas o teu computador, o que empregas para pagar facturas, co teu fillo, que o usa para baixarse xogos.

· Usa un curta lumes (firewall) que che poña sobre aviso das conexións saíntes que os bots fan para comunicarse co seu software de control.

· Non empregues o mesmo contrasinal en máis dun espazo web relacionado con transaccións financeiras.

· Non permitas ó teu navegador que almacene os contrasinais deses sitios.

· Nunca merques ren que sexa previamente ofrecido por un spammer.

· Non cliquees cando vexas na pantalla un produto que che pareza bo de máis para ser verdade. Seguramente será como ti pensas.

PUBLICIDADE