O Nobel de Física en 2001 visita Santiago en setembro ao abeiro do programa ConCiencia

xoves, 18 de xullo do 2013 Redacción

O programa ConCiencia da Universidade de Santiago segue adiante coa súa arela de converter a cidade nun foco de atracción do coñecemento científico de primeira liña. E en “primeira liña” sitúase precisamente Eric Cornell, Nobel de Física en 2001, que visitará Compostela en setembro convidado pola devandita iniciativa promovida polo profesor e divulgador Jorge Mira. Cornell, mestre na Universidade de Colorado Boulder (Estados Unidos), conseguiu o Nobel en 2001 “por acadar condensación de Bose-Einstein en gases diluídos de átomos alcalinos, e polos primeiros estudos fundamentais das propiedades de ditos condensados".
En Santiago achegará, entre outras cousas, unha conferencia no Auditorio de NovagaliciaBanco, o 17 de setembro, baixo o epígrafe Folgazán vs. descoidado: a historia épica da enerxía, entropía, temperatura, o último destino do universo e o rol do supernatural.
A visita de Cornell é un nova actividade científica do programa ConCiencia que dirixe o profesor Jorge Mira e que conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).

PUBLICIDADE