O Nothing Phone (2) poderá intercambiar nativamente mensaxes cos iPhone

martes, 14 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Os smartphones da marca Nothing son bastante rechamantes, polo seu deseño distintivo, e coa súa segunda xeración quixeron pasar a competir cos móbiles de gama alta, vendéndose a un prezo que está entre os 649 e os 799 euros, de xeito que segue a ser unha opción moito máis económica que un iPhone, e para facer aínda máis atractiva esta proposta anuncian que esta serie de móbiles vai recibir este venres a aplicación Nothing Chats, que tenderá pontes cos usuarios de iPhone.
Con Nothing Chats permitirán que os usuarios deste móbil con Android poidan intercambiar mensaxes de xeito nativo con usuarios de iPhone, ou sexa, que dentro da aplicación de Mensaxes de Apple as súas mensaxes xa non aparecerán con fondo verde, senón que lucirán o fondo azul propio das comunicacións con outros dispositivos de Apple, así como tamén permitirán intercambiar imaxes e vídeo sen problemas, saltando o xardín valado da compañía de Cupertino.
Esta nova aplicación é realmente unha versión personalizada de Sunbird, aplicación que presume de ser o iMessage de Android, e segundo comentan, o que fai realmente é abrir unha sesión de usuario nunha granxa de servidores Mac mini, o que permite empregar de xeito nativo a mensaxería de Apple, detalle que pode verse como un serio problema de seguridade (se realmente empregamos un identificador de Apple para algo máis que as mensaxes). Cómpre salientar que os servidores de Sunbird parecen ser respectuosos coas normas de protección de datos internacionais, pois comentan que empregan servidores nos EE.UU. para usuarios ao outro lado do Atlántico e en Europa para usuarios no noso territorio.
O creador de contidos Marques Brownlee preguntou ao fundador de Nothing, Carl Pei, como pensaba que sería a reacción de Apple ante Nothing Chats e recibiu como resposta que non esperaba reacción de ningún tipo. De feito, dá a impresión de que Nothing ousou lanzar este servizo para os seus clientes ante as presións que está a recibir Apple polas súas prácticas anticompetitivas, e incluso existe a posibilidade de que en poucos meses teñan que abrir a súa mensaxería a aplicacións como WhatsApp ou Telegram (de feito, WhatsApp e Telegram serán interoperables), polo que unha reacción agresiva por parte de Apple podería xogar na súa contra fronte aos reguladores de varios países.

Vídeo no que Carl Pei anuncia Nothing Chats

PUBLICIDADE