O OSIMGA salienta a posición galega no mercado español de telefonía

mércores, 17 de xullo do 2013 Redacción

Galicia ten unha penetración de liñas móbiles de contrato do 68,6%

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) destaca hoxe os datos do informe sobre Comunidades autónomas e provincias de 2012 publicado pola CMT (do que demos conta a semana pasada) nos que ve unha posición destacada no mercado de telefonía do Estado (especialmente no móbil con 8.086 estacións base instaladas e preto de 1,9 millóns de liñas de contrato).
O informe recolle que en Galicia pechamos 2012 con 1.872.952 liñas de móbil, o que supón unha penetración do 68,6%, o que deixa á nosa comunidade nunha sexta posición por comunidades autónomas, destacando o caso da provincia da Coruña, que cunha penetración do 72,7% supera a media estatal.
No que respecta á cota de mercado dos operadores móbiles, en Galicia segue a estar en primeira posición Telefónica co 39,2% das liñas, seguida por Vodafone co 30,3% e Orange co 11,7%, polo que o 18,8% do resto de operadores é un dato a ter en conta, pois está moi por enriba da media estatal (acentuándose especialmente no caso da provincia da Coruña, onde tal cota de mercado é do 21,32%).

PUBLICIDADE