O OnePlus One recibe unha versión de proba de Lollipop

venres, 2 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Para moitos usuarios de smartphones con Android está a resultar un tanto frustrante a espera para recibir a actualización a Lollipop, que parece estar a chegar bastante accidentada a moitos terminais, e aínda que nun principio parece que Android 5.0 é exclusiva smartphones da familia Nexus e un par de móbiles insignia de compañías como Motorola e LG, outros fabricantes como o emerxente OnePlus están a procurar cumprir coa promesa de actualizar os seus dispositivos en xaneiro, e así chega unha versión de proba da súa nova ROM de Android.
Temos así que o popular OnePlus One conta xa cunha ROM oficial (e non da variante de CyanogenMod) en fase alpha (aínda en desenvolvemento) que permite gozar xa da versión básica de Android 5.0, sen as aplicacións adicionais que incorporarán cando consigan facer estables as funcionalidades básicas do terminal.
Polo momento dende OnePlus xa advirten de que a ROM que están a facilitar pode presentar problemas de estabilidade coa cámara ou coas conexións Wi-Fi, que pode padecer de peches de aplicacións inesperados e moitas outras pequenas incidencias propias de primeiras versións dunha grande actualización dun sistema operativo. Tamén lembran que o primeiro inicio do terminal tras a instalación da nova ROM pode ser bastante lento. Un bo xeito de comezar 2015, pois aínda que non sexa recomendable a instalación desta ROM, supón que faltan poucas semanas para que Lollipop chegue oficialmente ao OnePlus One.

PUBLICIDADE