O Opera Mini chega ao iPhone por sorpresa

martes, 13 de abril do 2010 Marcus Fernández

Aínda que dende Apple estean a pór constantemente paus nas rodas dos desenvolvedores de aplicacións con condicións draconianas e con certa arbitrariedade na política de aprobación de contidos para a súa publicación na App Store, a pasada noite, e nunha absoluta sorpresa para case todo o mundo (principalmente por Apple tende a vetar as aplicacións que compiten coas prestacións básicas dos seus terminais), apareceu oficialmente o Opera Mini para iPhone e iPod Touch, que pode descargarse de balde.
Este navegador web reducido pode resultar de grande utilidade para os usuarios que contan con conexións de datos lentas ou cun límite de tráfico mensual, posto que as páxinas web cargadas pasan polos servidores de Opera para a súa compresión, de xeito que poden reducir o seu volume de tráfico nun 90%, o que permite unha carga considerablemente máis rápida, aínda que padecendo en contrapartida certos problemas de visualización (texto mal aliñado, ausencia de vídeos, mala interpretación das webs optimizadas para o iPhone…) e fallos de execución ao realizar zoom cos dedos.
Actualmente Opera Mini conta con máis de 50 millóns de usuarios en todo o mundo, e agárdase que o salto a esta nova plataforma dispare a súa base de usuarios, principalmente polo aforro económico que pode supor o acceso á web con compresión de datos.


Vídeo de demostración do Opera Mini para o iPhone e iPod Touch

PUBLICIDADE