O PP pendura un novo perfil de Rajoy en Facebook

mércores, 21 de xaneiro do 2009 Raquel Noya

O Partido Popular está a por en marcha un novo perfil do seu presidente, Mariano Rajoy, en Facebook debido a que, en palabras do vicesecretario de Comunicación do partido, Esteban González Pons, “existen moitos perfiles falsos del nesta coñecida rede social”.
González Pons asegura que “case todos están feitos polos seus inimigos”, polo que lle recomenda aos internautas asíduos á web que non se fíen de ningún.
Agora, o PP está a por en marcha o “perfil verdadeiro” de Rajoy en Facebook, para o que, os responsables da tarefa, se viron na obriga de contactar coas oficinas desta rede social en Palo Alto (California) e instar a que den de baixa os perfiles falsos que ten Rajoy na actualidade.
Pons engadiu que o líder do PP ten, polo de agora, uns dez mil amigos en Facebook “aos que lle dedica máis de unha hora diariamente” e explica que Rajoy tivo que darse de baixa na súa antiga conta e pasar a unha nova como “perfil político” ao sobrepasar os cinco mil amigos que a web social permite ter.
O vicesecretario de Comunicación do PP tamén se referiu ao I Foro Aberto que o partido vai celebrar o vindeiro fin de semana e anunciou a organización dunha “quedada” de amigos do PP en Facebook e Tuenti, as dúas principais redes sociais en España.
Logo de asegurar que esta é “a primeira vez que un partido pon en marcha unha iniciativa semellante en España e en Europa”, González Pons recoñeceu que permitirá averiguar a capacidade de movilización do partido nas redes sociais.

PUBLICIDADE