O Parlamento de Galicia acolle este mércores a presentación de Pradolongo

martes, 22 de abril do 2008 Raquel Noya

Pradolongo, o filme de Vía Láctea Filmes dirixido por Ignacio Vilar e protagonizado por Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto, vén de percorrer parte de Galicia (xa se presentou en Valdeorras, Ourense, Vigo, A Coruña, Ferrol e Narón) nunha estratexia de promoción baseada no contacto directo coa xente e tamén a través de Internet, chegando aos fogares galegos dende a web oficial meupradolongo.com, na se pode atopar todo tipo de material relacionado coa película e cos seus protagonistas.
Desta volta, e como cumio do periplo galego do filme (do que xa falamos nesta mesma web), o director e os tres actores principais vanse achegar mañá mércores, 23 de abril, até o Parlamento de Galicia, onde farán unha presentación da película e exporán, perante os nosos representantes políticos, as reaccións da xente e o traballo desenvolvido por todo o equipo, para que estes poidan coñecer de primeira man o fenómeno cinematográfico que xurdiu con Pradolongo.
A sesión especial será presidida por Dolores Villarino e dará comezo ás 16:30 horas no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia.
Pradolongo poderase ver no Teatro Principal de Santiago os vindeiros días 26, 27 e 28 de abril en sesións de 17:00, 20:00 e 23:00 horas.

PUBLICIDADE