O Pingüín, Solomon Grundy e Talia al Ghul sairán en Batman: Arkham City

venres, 22 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Con gallo da Comic-Con de San Diego, moitas son as novidades do mundo do cine e os videoxogos que se dan a coñecer, especialmente se están ligadas á novena arte, de aí que non sorprenda que a xente de Rocksteady aproveitou para estrear un trailer de Batman: Arkham City no que se confirman dous novos personaxes que se unen a Dúas Caras, o Joker, Harley Quinn, Riddler e Catwoman, dos que un é o xa avanzado Pingüín, e o outro foi toda unha sorpresa para os seareiros do Universo DC, xa que trátase de Solomon Grundy, que promete ser todo un reto físico para o home morcego.
Pero as novidades non quedan aí, senón que tamén se informou de que a actriz Stana Katic (coñecida polo papel da detective Kate Beckett na serie televisiva Castle) encargarase de pór voz ao personaxe de Talia al Ghul (filla de Ra’s al Ghul e nai do fillo Batman) o que engadiría certo interese ao xogo, por ser unha figura que ten xogado distintos papeis na vida do cabaleiro nocturno (alternando enfrontamentos con colaboracións).


Novo trailer de Batman: Arkham City

Solomon Grundy enfrontarase a Batman no novo xogo de Rocksteady Studios
Talia al Ghul tamén aparecerá no xogo, con Stana Katic emprestándolle a súa voz

PUBLICIDADE