O Plan Impacto achega as vantaxes de comunicación do Opentrad ó empresariado da Coruña

mércores, 21 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Eganet segue adiante co seu Plan Impacto, un programa encamiñado a poñernos o máis preto posible das novas tecnoloxías no eido empresarial e que se desenvolve a través dunha serie de encontros (22) por toda Galiza. Neste senso, esta semana vén completa abonda en actividades: por unha banda, hoxe mércores celébrase na sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña unha xornada sobre ferramentas de tradución automática (dirixida por Imaxin) e, pola outra, está preparado para o xoves 22 un encontro sobre novas tecnoloxías na xestión do turismo termal.
A primeira sesión desenvólvese ás 17.30 e servirá entre outras cousas para dar a coñecer ó empresariado da cidade a ferramenta Opentrad, que achega servizos de translación dunha lingua a outra do Estado español, máis polo miúdo entre español e catalán (e viceversa), entre galego e español (e viceversa) e entre español e éuscaro.
Polo que respecta á segunda, a de mañá xoves, dicir que se celebra no Club Internacional de Prensa de Santiago a partires das 18.00 horas e que contará coa presenza de Víctor López, director de Proxectos da empresa compostelá AVA Solucións Tecnolóxicas.
Ámbalas dúas xornadas forman parte dun programa máis amplo, o devandito Plan Impacto de Eganet (en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción Industrial). Ó longo destes días haberá sesións en Santiago, A Coruña, Ferrol, Vigo, Arzúa e Ribeira Sacra. Podemos seguir o programa das actividades na axenda da páxina web de Eganet.

PUBLICIDADE