O Plan ÚNICO achegou a banda larga a 700 fogares e empresas de Santa Comba

venres, 18 de agosto do 2023 S. P.

O delegado do Goberno, Pedro Branco, visitou este venres 18 de agosto o concello de Santa Comba para supervisar as actuacións do Goberno no municipio. Foi recibido polo alcalde, Alberto Romar, a quen felicitou pola súa recente designación como rexedor da vila. Na reunión salientaron actuacións como a recente substitución das luminarias do concello, cun investimento do Goberno de algo máis de 900.000 euros, e na que tamén se incluía a iluminación de varios pasos de peóns. Amais, puxeron o foco no esforzo do Executivo central por levar a banda larga aos núcleos de poboación do termo municipal a través do Programa ÚNICO do Ministerio de Asuntos Económicos.
A través deste plan, sinalaron, dotouse de conexión de Internet de alta velocidade a máis de 700 fogares e negocios do concello de Santa Comba que até o de agora non gozaban deste servizo. “Falamos de actuacións que permiten reforzar a nosa aposta polo turismo, pero tamén pola eficiencia enerxética, a dixitalización e o coidado da nosa contorna”, destacou o delegado.
Tamén salientaron a inclusión de Santa Comba no Plan de Sustentabilidade Turística Terras de Santiago que, cun investimento de 1,3 millóns de euros promove actuacións que buscan “potenciar os mercados gastronómicos locais, crear e difundir novos formatos de turismo gastronómico na comarca e reforzar a oferta de turismo activo coa recuperación do Camiño dos Arrieiros e sendas de pescadores e agropecuarias”, lembraron.
Xunto a estas actuacións, Santa Comba tamén recibiu 7.074,32 euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno para un programa de compostaxe doméstica, e os 13.786,34 euros do Pacto de Estado de contra a Violencia de Xénero que recibe do Ministerio de Igualdade.
En total, os investimentos do Goberno no municipio superan os 2 millóns de euros.

PUBLICIDADE