O Plan de Goberno dixital 2020 busca conseguir unha Administración con menos papel e máis preto do cidadán

xoves, 14 de xaneiro do 2016 Redacción

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, sinalou hoxe que o obxectivo do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020 é conseguir unha administración con menos papel e máis preto do cidadán. A responsable da área tecnolóxica da Xunta inaugurou en Santiago o Seminario A Transformación Dixital en Galicia, organizado Socinfo, e no que interviñeron a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, e o director xeral de Función Pública, José María Barreiro.
Pereira sinalou que o actual Goberno galego iniciou a senda da dixitalización dos servizos públicos en 2010 coa aprobación da primeira Axenda Dixital de Galicia 2014.gal e que en 2015 aprobouse a Axenda Dixital 2020, que mobilizará un investimento público-privado de 1.500 millóns de euros. A directora da AMTEGA indicou que o seu departamento, en colaboración coas consellerías, está a desenvolver os 14 plans de actuación desta Axenda para consolidar a dixitalización da Educación, a Xustiza, do eido sociosanitario, dos sectores primarios e estratéxicos galegos e para proporcionar o acceso a todos os galegos de redes ultrarrápidas.

As pezas dunha Administración dixital

O Plan de Administración e Goberno Dixital 2020 é a folla de ruta da Axenda para consolidar e avanzar na dixitalización da Administración autonómica e, unha vez culminado, permitirá un aforro de 41 millóns de euros. Neste sentido, Mar Pereira afirmou que o esforzo realizado ata agora ten resultados como a entrada en funcionamento do Arquivo Dixital de Galicia. Esta é unha peza chave da eAdministración, que no primeiro trimestre deste ano incorporará 100 procedementos cuxo ciclo de vida administrativo será totalmente dixital.
A directora da AMTEGA destacou que a día de hoxe máis do 60% dos trámites coa Xunta pódense presentar online na sede e que se simplificou o seu uso coa posta en marcha do servizo Chave 365, que evita o uso de certificados dixitais. Ademais, as máis de 500 oficinas de Rexistro contan cun único sistema de información e o pasado mes de setembro iniciábase a súa a súa dixitalización. A posta en marcha do sistema Notifc@ de notificacións electrónicas foi outro das iniciativas que se completou en 2015 e que posibilitarán a tramitación integramente integral dun trámite desde a súa entrada ata notificación final ao usuario.
Pereira indicou que este proceso de transformación supón a reconfiguración das funcións dos empregados públicos, o que implica a dotación de novos medios tecnolóxicos adaptados á novas necesidades e un plan de formación TIC, que se está a desenvolver a través da EGAP e que impartiu más de 12.500 horas en tres anos.

PUBLICIDADE