O Polígono Industrial de Botos estrea mañá rede WiMAX

luns, 14 de xuño do 2010 Redacción

O polígono industrial de Botos no Concello de Lalín disporá de Rede WiMAX para acceder á banda larga a partir de mañá. O municipio incorpórase ao proxecto WiMAX en polígonos industriais e parques empresariais que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para paliar as carencias no acceso a internet de banda larga nestes puntos. As deficiencias no acceso a unha rede de calidade nestas zonas provocan unha diminución considerable na capacidade das empresas alí radicadas para competir no mercado actual.
A incorporación a esta iniciativa do Polígono Industrial de Botos, no Concello de Lalín súmase a outros 27 parques da Comunidade que xa tiñan operativa a citada rede. O obxectivo deste proxecto é solucionar o acceso a internet das diferentes empresas situadas nestes emprazamentos mediante unha actuación que conta cun orzamento de 4,8 millóns de euros, e que, sufragada en parte por fondos FEDER, se iniciou xa en febreiro de 2008. Neste senso, a implantación da WiMAX permitirá aos polígonos arranxar unha grave carencia ao tempo que dotará as diferentes zonas dunha gran capacidade de atracción para acercar novas empresas.

PUBLICIDADE