O Polígono Virtual de Amoeiro xa acubilla unhas cen iniciativas empresariais

mércores, 19 de febreiro do 2014 Redacción

O primeiro polígono empresarial virtual de Galicia, do que falamos en Código Cero o pasado mes de novembro para falar do seu nacemento e dos seus obxectivos, recibiu importantes pulos dende a súa posta en marcha. Máis polo miúdo, o da centena de iniciativas empresariais que xa se adheriron ao proxecto e desenvolven a través deste acubillo da Rede cadansúas actividades de mercado. Ademais, a esta listaxe cómpre engadir o de case cincuenta empresas máis que xa confirmaron que están a levar a cabo os procesos requiridos para xuntar as súas forzas na iniciativa. Lembrar que o Polígono Virtual de Galicia foi posta en marcha da man do Concello de Amoeiro en colaboración coas empresas Ciolet System e a Corporación Eurogalega de Negocios.
Segundo sinalaron estes días fontes do goberno local, unha das cousas máis destacábeis do proxecto, xa unha realidade dando bos e interesantes froitos, é a diversidade dos seus integrantes. De feito, hai firmas do eido tecnolóxico, dos servizos, centradas en actividades agrícolas e outras no ámbito da hostalaría. En contra do que se pode supor, non se trata exclusivamente de iniciativas locais, aínda que tamén. Ao tratarse dun proxecto virtual e precisamente por iso, acolle proxectos de tódolos recantos da nosa terra e mesmo do resto do Estado. O polígono virtual, entre outros servizos, fornece ás firmas e aos emprendedores cuestións relacionadas cos servizos web (aloxamento, seguridade, etc) e outras vantaxes relacionadas co asesoramento e co mentoring. O Polígono Virtual de Amoeiro, lembraremos, tamén achega acubillos para o domicilio fiscal das súas empresas. O Concello, segundo fixo saber a Praza.com o pasado mes de novembro, quere converter Ameiro nun lugar que xunte tradición e tecnoloxía, chegando a ser “o primeiro concello 2.0 de Galicia”. E prosegue: “O que queremos é atraer xente e ofertas servizos a prezos mínimos”.

PUBLICIDADE