O Porriño reivindica o galego nos móbiles coa cuarta edición do seu concurso de SMS

mércores, 8 de outubro do 2008 Raquel Noya

Algo tan doado como escribir unha mensaxe de texto para o móbil en galego é un costume que, lonxe de ser habitual, constitúe unha práctica que (por desgraza) vai desaparecendo segundo pasan os anos entre as mozas e mozos galegos, que substitúen a súa lingua nai pola emprestada doutros lares. É por iso que o Concello de Porriño, sabedor de que o idioma galego é unha riqueza do noso pobo que xamais deberemos esquecer, vén de convocar a cuarta edición do seu concurso de SMS en galego, no que premia con 250 euros á mensaxe de móbil escrita en galego máis orixinal e con mellor calidade de expresión.
As SMS participantes non poderán pasar de 160 caracteres, serán de temática libre e deberán ser enviados ó teléfono 638 149 957 polo prezo que cada usuario teña asignado para tal fin pola súa operadora de telefonía (uns 15 ou 20 céntimos habitualmente).
Ademais do gañador, os organizadores escollerán tamén un segundo e terceiro clasificados, que recibirán 150 e 100 euros respectivamente.
Como en todo concurso de SMS que se prece, está permitido cortar as palabras e deixar o tradicional “que” na única letra “q”, trocar “de” por “d” ou incluso cambiar o “para” por “xa”... tal e como fixo o gañador do ano anterior:
«rapcña d beizs scrus e sorris cib,cm llands?qdams xa tmarll unhs kñs a krn do mao ou ns biras d sil?s ch prac,di ora e encoro.adeus».

PUBLICIDADE