O Portal da Investigación da USC estrea a versión beta dun buscador de especialistas por eidos temáticos

venres, 24 de novembro do 2023 S. P.

O Portal da Investigación da USC acaba de estrear a versión beta dunha nova sección destinada a identificar especialistas nun determinado eido temático. Deste xeito, informa a Universidade, “as persoas usuarias só teñen que teclear no buscador o concepto e obterán a listaxe de persoal investigador da USC que ten efectuado traballos nese ámbito”.
Mabela Casal, directora da Biblioteca Universitaria contextualizou deste xeito a nova sección: “Esta versión en probas súmase aos servizos que xa ofertaba o Portal e que permiten explorar os diversos grupos de investigación existentes na USC, efectuar buscas específicas de investigadores ou acceder aos resultados das investigacións”.
O portal conta na actualidade con preto de 2.000 perfís de persoas investigadoras, máis de 300 grupos, máis de 7.600 proxectos, máis de 100.000 publicacións e preto de 10.000 teses de doutoramento. Este portal botou a andar en abril de 2021 coa intención de difundir, dar visibilidade e transferir á sociedade os resultados das actividades de investigación da Universidade.
A USC engade que “este novo espazo facilita o acceso ás publicacións e datos de investigación, contribuíndo aos obxectivos da ciencia aberta”. Ademais, “establece unha relación entre o financiamento e os seus resultados, realizando un exercicio de transparencia ao tempo que mellora a visibilidade e o impacto da institución”, tal e como explica o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo.
O Persoal Docente e Investigador pode solicitar a incorporación das publicacións que queira engadir ao portal dende o seu perfil. Esta ferramenta permite reunir nun único punto de acceso a produción científica xerada polo persoal investigador e unidades da USC; incrementar a súa visibilidade e difusión dentro da comunidade científica, con acceso a textos completos; dispoñer de publicacións actualizadas periodicamente procedentes de diversas fontes; ofrecer indicadores bibliométricos a nivel individual e por grupos de investigación ou departamentos, entre outros; e facilitar opcións para completar a produción científica do persoal investigador e grupos. Na actualidade, inclúense os investigadores/as en situación activa da USC en todas as categorías, así como ex persoal investigador.

PUBLICIDADE