O Portal da Lingua centraliza as novas probas CELGA, que arrancan este 13 de maio

venres, 21 de abril do 2023 S. P.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaria Xeral de Política Lingüística, publicou as datas das probas que permiten obter os certificados acreditativos dos niveis de lingua galega CELGA 1, 2, 3 e 4, que terán lugar simultaneamente nas dúas sedes habituais, Santiago de Compostela e Ponferrada (León), entre o 13 de maio e o 3 de xuño. Como de costume, toda a información destas probas témolas no Portal da Lingua da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Segundo informou o departamento que dirixe Valentín Garçia, os exames para obter o CELGA 4 serán o sábado 13 de maio para as persoas admitidas cuxo primeiro apelido comece por algunha das letras comprendidas entre o ‘v’ e o ‘g’, e o 14 de maio para o resto de aspirantes. As demais probas celebraranse para todas as persoas admitidas, independentemente do seu apelido, o 20 de maio para o CELGA 3, o 21 de maio para o CELGA 2 e o 3 de xuño para o CELGA 1.
Respecto ao lugar de realización, en Santiago serán, para os niveis 2, 3 e 4, no instituto IES Antonio Fraguas Fraguas, mentres que o CELGA 1, que só se avalía en Compostela, terá lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Pola súa parte, a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada acollerá o total das probas convocadas en León.
A proba escrita, a primeira delas, comezará ás 9,00 h., polo que as persoas admitidas deberán presentarse no centro que lles corresponda con antelación suficiente. A porta de acceso ao centro mais a aula asignada a cada persoa para a realización da dita proba poderá consultarse a mesma semana do exame no Portal da Lingua Galega.
Respecto da proba oral, esta terá lugar o mesmo día que a escrita. A hora concreta na que cada persoa deberá estar presente no lugar establecido para o chamamento publicarase no centro correspondente, así como no Portal da Lingua Galega, unha vez que remate a proba escrita. A resolución completa pode consultarse no Portal da Lingua Galega.

PUBLICIDADE