O Porto de Vigo revoluciona o ámbito da vixilancia cunha proba de drons e Intelixencia Artificial

xoves, 19 de maio do 2022 S. P.

O Porto de Vigo acolleu este 19 de maio a demostración final do proxecto piloto desenvolvido pola operadora Orange, o centro tecnolóxico galego Gradiant e o fabricante Ericsson para o uso de aeronaves non tripuladas, Intelixencia Artificial e tecnoloxía 5G para a vixilancia do ámbito portuario.
Este proxecto forma parte dos casos de uso coordinados por Red.es en todo o Estado, e está enmarcado no Plan 5G de Galicia promovido pola Xunta a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
O sistema mostrado aproveita as vantaxes da rede 5G para mellorar e estender a cobertura das comunicacións entre as aeronaves non tripuladas e o centro de control en terra, ademais de optimizar e impulsar a transmisión de imaxes.
Na súa materialización foi decisivo o uso da Intelixencia Artificial para a análise de vídeo, xa que esta permite a este sistema de control detectar persoas non autorizadas e xerar avisos en tempo real que alerten ao centro de control de posíbeis intrusións.
A demostración foi seguida polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Xesús Vázquez Almuiña; a directora xerente da operadora pública galega RETEGAL, Pilar Chapela Villanueva, en representación da Xunta; o director de Servizos Públicos Dixitais de Red.es, Francisco Javier García Vieira e a responsábel do Plan Nacional 5G para Galicia, Lara Rubianes Escribano. Participaron tamén representantes das tres compañías que desenvolveron o proxecto.
A directora xerente de RETEGAL, Pilar Chapela, destacou a “enorme importancia que a 5G ten para Galicia” ao tratarse dunha tecnoloxía “esencial na extensión da transformación dixital en todos os ámbitos sociais e económicos, e sobre todo nos casos nos que poidan existir dificultades de despregadura por razóns xeográficas ou de dispersión da poboación”.
30 casos en Galicia
Galicia acolle 13 casos de uso liderados por Orange e outros 12 liderados por Telefónica. Ademais destes dous proxectos asignados a Galicia e xestionados por Red.es, na nosa terra lévanse a cabo outros 5 pilotos xestionados directamente polo Nodo 5G de Galicia. En total, 30 proxectos que implican investimentos que superan os 22 millóns de euros e que integran 39 entidades públicas e privadas entre participantes, axentes colaboradores e clientes.
Os proxectos desenvolvidos en Galicia abranguen ámbitos como a tele-medicina, a industria, a agricultura, a loita contra os incendios, o turismo ou a banca en zonas rurais, entre outros.
As vantaxes da 5G
Na demostración deste xoves 19 no Porto de Vigo a operadora Orange destacou do sistema desenvolvido a súa capacidade para aproveitar as vantaxes da rede 5G e “mellorar e estender a cobertura das comunicacións entre as aeronaves non tripuladas e o centro de control en terra, ademais de optimizar a transmisión de imaxes”. Así, grazas á rede 5G conséguese “unha latencia mínima e unha gran fiabilidade para a transmisión de datos, dous parámetros esenciais para a toma de decisións autónomas en operacións con drons”, apuntou Orange, poñendo o foco noutro dos puntos fortes do sistema: a súa capacidade para explotar as capacidades de computación das redes 5G, a través do Multi-access Edge Computing (MEC, un servidor situado moi próximo á rede) que permiten reducir a latencia no procesado de imaxe fronte a unha solución despregada na nube.
Este proxecto enmárcase no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e co-financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e a través da UTE formada por Cinfo, Orange, Gammera Nest e Optare Solutions.
Quen queira máis información do proxecto tena na web habilitada pola operadora arredor dos proxectos 5G da nosa terra.

PUBLICIDADE